As urnas deciden hoxe, 4 de febreiro, se se desconvoca a folga indefinida do autobús na provincia da Coruña

A folga indefinida no transporte de viaxeiros por estrada na provincia da Coruña continúa en suspenso á espera do que decida hoxe, mércores 4 de febreiro, a plantilla nas votacións en urna sobre o preacordo acadado entre a patronal e os sindicatos UGT e CCOO. A CIG, central maioritaria no sector, desmarcouse do pacto e chama tamén a participar na votación, ao considerar insuficientes as melloras recollidas no texto.
O proceso de ratificación chega dous días despois de que a convocatoria de folga quedase aprazada para facilitar a negociación no Consello Galego de Relacións Laborais. Agora, o resultado destas urnas marcará o seguinte paso: se o preacordo recibe aval maioritario, a folga quedaría desconvocada e abriríase a porta á sinatura definitiva do convenio; se non prospera, o sector podería retomar a folga indefinida a partir de mañá, 5 de febreiro.
No plano económico, as centrais asinantes explican que o documento incorpora unha suba salarial do 3,4 % para 2025 e do 3,4 % para 2026, con efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro de 2025. Tamén se inclúe un plus de absentismo de 1.000 euros brutos anuais condicionado a que a taxa media da empresa non supere o 6 %, ademais de complementos por traballar en festivos (35 euros) e unha contía superior (65 euros) para o 24, 25 e 31 de decembro e o 1 de xaneiro.
En materia de xornada e organización do traballo, o preacordo recolle a redución da xornada anual a 1.800 horas, un plus de 8 euros ao día por xornada continuada para o persoal de condución e compensacións para servizos discrecionais que superen as 12 horas (equivalentes ao 60 % do salario base diario), ademais de medidas vinculadas á desconexión dixital e melloras en permisos.
Pola súa banda, a CIG xustifica a súa negativa a subscribir o documento por entender que non resolve demandas como a nocturnidade, melloras en conciliación ou avances na xubilación parcial, e advirte de que determinados complementos poden ter efectos regresivos nas condicións do persoal.