As Universidades galegas homenaxean no Coliseum da Coruña aos mellores estudantes da ABAU 2024
Hoxe respirábase emoción e orgullo a partes iguais no Coliseum da Coruña. A UDC acolleu neste recinto da cidade o acto de recoñecemento ao alumnado cos mellores expedientes académicos nas Probas Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade (ABAU) 2024.
Un total de 1.086 alumnos e alumnas foron quen de superar as probas cunha nota de 9 ou superior (un 66% mozas e un 34% mozos), do total de 13.000 que se presentaron á convocatoria ordinaria do presente curso académico. Asistiron á celebración máis de 4.000 persoas, entre estudantado, familiares, e autoridades, ademais de persoal voluntario da UDC que colaborou na organización do evento.
O acto contou coa asistencia do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; e os reitores das tres universidades públicas galegas: Ricardo Cao, reitor da UDC, institución anfitrioa este ano; Antonio López, reitor da USC; e Manuel Joaquín Reigosa, da UVigo.
O reitor da UDC, Ricardo Cao, felicitou ao alumnado homenaxeado nun acto do que dixo “quere ser un recoñecemento ao voso esforzo e traballo realizado nos últimos meses.” “Agora -subliñou- iniciades unha na nova etapa, gran parte farao elixindo estudos superiores universitarios, un período cheo de aprendizaxe e crecemento, tamén de ilusións e emocións e no que as universidades públicas, como somos as tres que integramos o Sistema Universitario de Galicia (SUG), xogamos un papel fundamental no voso desenvolvemento persoal e profesional, o das futuras xeracións”.
Cao aproveitou este evento para animalos a participar e integrarse na vida dos campus, a través de asociacións e clubs cos que contan as universidades, porque, dixo, “isto abriravos novas experiencias que vos enriquecerán como persoas, e tamén dotarán ás universidades dunha maior riqueza”.
O reitor da UDC destacou a alianza entre a formación, a investigación e a empresa como un dos principais logros obtidos na última década, e o papel dos centros de investigación da UDC, tres deles integrados na Rede de Centros de Excelencia da Xunta de Galicia (CIGUS).
Para o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, este acto de recoñecemento “é un xesto simbólico necesario para quen tendes dedicado a vosa enerxía en facer un traballo excelente, con constancia e con responsabilidade, mirando máis alá do momento presente, porque o voso resultado hoxe ábrevos as portas do futuro”. Para nós, como universidades, é un acto que nos reconforta porque “sodes a xeración que tomará o relevo e que seguirá facendo crecer a comunidade universitaria” engadiu.
Igualmente “sodes un símbolo de unión” engadiu o reitor da USC, porque, “se ben este acto xurdiu no seu día como unha iniciativa da USC, hoxe é un proxecto compartido polas tres universidades públicas galegas, co que vos abrimos as portas das que serán as vosas casas os vindeiros anos”.
Pola súa banda, Manuel Joaquín Reigosa, reitor da Uvigo, destacou que o que hoxe estamos a celebrar é “un talento extraordinario e un traballo que durante tantos anos fixeron familias, docentes e alumnado”. Seguro -engadiu- que “este talento estará repartido en todos os ámbitos académicos e científicos. Haberá xente moi boa no humanístico, no xurídico e social, tamén no tecnolóxico e por suposto no científico. É certo que as modas van mudando e iso fai que as notas de entrada nalgunhas titulacións sexan elevadísimas, por exemplo nas novas titulacións tecnolóxicas.”
Inés Rey, alcaldesa da Coruña, destacou o exemplo amosado polas mozas e mozos galardoados, pois “tedes transmitido o importante que é, precisamente, valorar ese camiño, o da cultura do esforzo académico e o traballo duro. E ese esforzo, esa capacidade que vos levou a onde estades agora, é algo que, se o mantedes, seguiravos achegando ás vosas metas, aos vosos soños”.
Cando falamos de que “sodes o futuro, non o dicimos como unha frase baleira”, senón porque, chegado o momento, cada unha das rapazas e rapaces que hoxe estades aquí seredes unha referencia á que ollarán as nenas e nenos das vindeiras xeracións. E inspirar -engadiu- e axudar aos demais a ser mellores, tanto en termos persoais como profesionais, é algo alentador. Porque non se trata só de estar no mundo, senón que tamén podemos participar del.
Para rematar o acto, dirixiuse aos presentes o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, animou aos alumnos e alumnas máis excelentes da ABAU a que continúen formándose nas universidades públicas galegas, que destacan pola ampla e variada oferta de titulacións, pola súa calidade académica e que, ademais, a partir do próximo curso “será gratuíta por primeira vez, co que avanzamos un novo chanzo no apoio aos estudantes e ás súas familias”. “Serán a primeira xeración que poida realizar integramente un grao universitario de balde en España”, afirmou.
Román Rodríguez gabou o “sacrificio, dedicación, esforzo e constancia” dos estudantes, así como o “apoio imprescindible e a transmisión de valores” das súas familias para acadar “un rendemento académico de excelencia que é un orgullo para Galicia”.
Logo da homenaxe recibida, estudantes e familiares puideron escoitar a actuación de The Rapants, a banda galega de música indie formada en Muros no ano 2018.