As últimas escavacións no Castro de Elviña indican unha orixe moito más antiga

ACoruñaXa
O Concello financiou en maio unha nova campaña de sondaxes, dirixida por Samuel Nión
Imaxe do Castro de Elviña na Coruña
2 sep 2024

Realizouse no mes de maio unha nova campaña de escavación no Castro de Elviña, dirixida e coordinada por Samuel Nión Álvarez, do Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC, e financiada polo Concello da Coruña, campaña da que estes días fixo balance o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, que destacou “o compromiso do Goberno de Inés Rey para a recuperación e a posta en valor dun dos principais enclaves patrimoniais e históricos da cidade”.

A campaña que se executou durante o mes de maio centrouse en identificar os motivos e as datas da destrución dunha das torres do acceso exterior sudoeste. “Esta estrutura, completamente arrasada, presentaba un notable interrogante con respecto ás fases de abandono do castro: os datos actuais sinalan un abandono relativamente abrupto con cronoloxías particularmente esquivas e que investigacións actuais, realizadas a comezos de ano, hipotetizaron cun posible episodio de destrución violenta en época antiga”, expón Samuel Nión.

A este respecto, a campaña afondou na análise dos motivos desta destrución, polo que foron enviadas varias mostras de carbón e sedimento para obter datacións de C14 (carbono 14) e obter información sobre esta fase de destrución. “Desgraciadamente, non se obtivo información concluínte sobre as datas de construción, mais si sobre a súa construción. As analíticas realizadas sinalan que as mostras tomadas formaban parte do material construtivo da torre e do sistema defensivo do castro, amosando unha data particularmente sorprendente: o século V a.C., ou o que é o mesmo, 2.500 anos antes do presente”, indica Nión.

Para amosar a relevancia deste achado, cómpre ter en conta que o coordinador da escavación consideraba unha data próxima ao século III a.C. para a súa construción, ao tempo que outros arqueólogos daban por feito que tivese sido construída xa en época galaicorromana, no século I  d.C.

Estas datacións non só desbotan esta posibilidade, senón que sinalan o carácter particularmente temperán dos achados “e, ademais, que as defensas monumentais de Elviña —que evidencian que o poboado foi froito dunha planificación estruturada e coidada desde os seus inicios— son moi anteriores ás doutros grandes poboados fortificados galegos como San Cibrao de Lás ou Santa Trega”.

Estes achados non só permiten afondar no coñecemento de Elviña, senón que sinalan o desenvolvemento dunha sociedade con capacidade para estruturar e definir unha verdadeira planificación urbana en momentos moi anteriores aos considerados. “Agardamos que futuras investigacións permitan profundar aínda máis neste pasado e, tamén, coñecer o momento e as causas da destrución deste monumental castro”, indica Nión Álvarez.

0.17610692977905