As rutas fluviais polo Mandeo esgotan prazas en agosto e abren novas datas para setembro

As rutas fluviais organizadas polo Concello de Betanzos na embarcación municipal Diana Cazadora tiveron unha acollida extraordinaria este verán. Segundo informou o departamento de Turismo, todas as prazas para o mes de agosto están xa cubertas, pero os interesados aínda teñen a oportunidade de participar nas travesías programadas para cinco novas datas durante setembro.
Estas excursións permiten gozar da natureza da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo e coñecer de primeira man a historia dos Caneiros, unha das celebracións máis emblemáticas da cidade.
As persoas que desexen participar poden realizar a súa reserva chamando ao 981 77 66 66, enviando un WhatsApp ao 638 54 31 69 ou escribindo ao correo turismo@betanzos.gal. O Concello anima á veciñanza e visitantes a aproveitar esta oportunidade para descubrir o río Mandeo desde unha perspectiva única.