As Residencias Paraíso celebran dez edicións e volven contar con Oleiros como sede en 2026

O Concello de Oleiros volverá formar parte en 2026 da rede de institucións que sosteñen as Residencias Paraíso, o programa do Colectivo RPM dedicado á danza e ás artes vivas contemporáneas, que cumpre dez edicións e vén de abrir a súa convocatoria anual. A participación municipal concrétase, un ano máis, na incorporación da Fábrica de Oleiros como un dos espazos nos que se desenvolverán as estadías creativas entre maio e outubro.
A chamada está dirixida a artistas de Galicia, do resto de España e de Portugal, con maior ou menor traxectoria, que precisen traballar de xeito intensivo arredor dun proxecto de investigación ou creación durante dúas ou tres semanas. A selección correrá a cargo dun comité profesional que valorará a calidade artística, o grao de madurez e solidez das propostas e a súa ligazón co territorio. Os proxectos escollidos daranse a coñecer no mes de abril.
Esta edición contará cun orzamento total de 25.000 euros e permitirá acoller ata 10 propostas (dúas máis ca o ano pasado), cunha dotación económica de entre 1.500 e 3.000 euros por residencia, pensada para cubrir distintas fases dun traballo artístico, desde a investigación e a escritura ao desenvolvemento dramatúrxico, a creación coreográfica ou necesidades técnicas.
As persoas interesadas poden presentar as súas propostas ata o 8 de marzo. Ademais, o Colectivo RPM celebrará unha sesión informativa en liña o 3 de marzo, ás 12.00 horas, para resolver dúbidas sobre a convocatoria.