As Residencias Mariñán de Música e Literatura e Pensamento da Deputación reciben 45 solicitudes

ACoruñaXa
As propostas seleccionadas para desenvolver as súas estadías artísticas no Pazo de Mariñán decidiranse nas reunións dos xurados, que se celebrarán o 14 de marzo a de música, e o 19 a de literatura e pensamento
Imaxe da presentación das Residencias Mariñán no mes de xaneiro
11 Mar 2024

A Deputación informou de que as residencias Artísticas Mariñán, promovidas pola súa área de cultura contaron este ano cun total de 45 propostas presentadas: 24 de música e 21 de literatura e pensamento.

Os xurados, compostos por profesionais de recoñecido prestixio, escollerán os 8 proxectos seleccionados (4 de cada temática) en reunións que se celebrarán o 14 de marzo, a do xurado de música, e o 19 de marzo o de literatura e pensamento.

No caso das Residencias Artísticas Mariñán de música, o xurado está composto por Carles Sala, coordinador de Fabra i Coats (Fábrica de Creación de Barcelona); Patricia Hermida, presidenta da AGEM (Asociación Galega de Empresas Musicais) e Carlos Crespo, xornalista musical.

Pola súa parte, o de literatura e pensamento confórmano a poeta Yolanda Castaño Pereira, o escritor Iván García Campos e a filóloga e ensaísta María López Sández. Ambos están presididos pola deputada de Cultura e coa xefa da área, Mercedes Fernández Albalat como secretaria.

Os catro proxectos do ámbito musical e os outros catro de literatura e pensamento gañadores desenvolverán a súa estadía no Pazo de Mariñán entre o 15 e o 26 de abril. Cada residencia terá unha duración máxima de seis días, no caso das musicais, e de doce, no caso das literarias e de pensamento.

O obxectivo desta iniciativa, que puxo en marcha a área de cultura da Deputación no 2020, é apoiar ás creadoras e creadores centrando a axuda non so nas pezas ou nos resultados finais, senón tamén nos procesos creativos, nun espazo singular, como é o Pazo de Mariñán, e poñendo a disposición dos participantes todos os medios para desenvolver os seus proxectos con éxito e nas mellores condicións.

0.17930102348328