As Residencias Artísticas Mariñán 2025 pechan cunha edición de creatividade e convivencia

As Residencias Artísticas Mariñán 2025 chegan ao seu fin, despois de 12 días de intenso traballo creativo nos que 8 artistas galegos, distribuídos en catro modalidades —música, literatura, pensamento e arte—, tiveron a oportunidade de desenvolver os seus proxectos nun espazo único: o Pazo de Mariñán.
Durante este tempo, os participantes, que inclúen nomes como Indra, Abril, Ailén, Nanu, Sergio Marey, Blanca Trigo, Paula Sanmartín e María Bella, foron acompañados polos comisarios Aitana Cuétara (música) e Roberto Abuín (literatura e pensamento), en colaboración coa Deputación da Coruña.
Este espazo de creación e intercambio cultural culminou cun acto oficial de despedida, no que a deputada Natividade González agradeceu a todos os participantes a súa dedicación e aproveitamento dos recursos ofrecidos pola Deputación. "Para min é unha honra ver como estas residencias se están convertendo no berce do talento galego, un espazo que permite que proxectos tan innovadores saian de aquí para acadar moitos éxitos", afirmou González, quen tamén subliñou o compromiso da institución co proceso creativo.
No seu discurso, Roberto Abuín, comisario de literatura e pensamento, destacou o “gran traballo” desenvolvido pola Deputación para impulsar un espazo “de liberación e expansión” para os creadores. Pola súa parte, Aitana Cuétara, comisaria de música, tamén resaltou a importancia de “un espazo onde proxectos tan diferentes conviven, creando un ambiente enriquecedor para todos”.
Os participantes valoraron de forma moi positiva a experiencia. Segundo manifestaron, as residencias permiten “parar e adicarse á creación” nun contorno único que favorece a reflexión e o traballo en profundidade. A posibilidade de contar cun tempo de calidade e cun espazo como o Pazo de Mariñán foi, para moitos deles, fundamental para desenvolver as súas ideas sen a presión dun obxectivo produtivo inmediato. “Non hai un ‘teño que’, hai un ‘quero’ crear, e facémolo desde outro lugar”, afirmaron os participantes, que resaltaron a liberdade creativa que se lles ofreceu durante esta edición.
Un dos aspectos máis valorados foi a convivencia entre creadores de diferentes disciplinas. Os artistas coincidían en que a interacción entre diferentes campos artísticos e persoais foi altamente enriquecedora, permitindo xerar novas ideas e propostas que sen dúbida influirán no seu traballo futuro. "Deberían existir máis iniciativas deste tipo, porque son unha oportunidade única de compartir experiencias e colaborar co resto de artistas", expresaron.
As Residencias Artísticas Mariñán 2025 reafirmáronse como un proxecto clave para o apoio á creatividade galega, apostando polo proceso de creación como base para o desenvolvemento de futuros proxectos culturais. A Deputación da Coruña, co apoio destas iniciativas, segue a demostrar o seu compromiso co talento local, un talento que, como se demostrou nesta edición, segue a medrar nun ambiente colaborativo e de liberdade creativa.