As promesas do atletismo compiten na Coruña no Galego de Atletismo de clubs Sub20 e Sub16

ACoruñaXa
Un milleiro de atletas de 47 clubs de toda a comunidade compiten nas pistas universitarias da UDC
atletismo-elviña
17 May 2025

As pistas universitarias da UDC, en Elviña, acollen esta fin de semana o importante Campionato Galego de Atletismo de clubs para as categorías Sub20 e Sub16. Esta competición conta co apoio do Concello e contará cos principais clubs da nosa comunidade. “Desde o Goberno de Inés Rey buscamos que as grandes competicións a nivel galego se celebren na nosa cidade, apostando deste xeito polo deporte en todas as súas disciplinas e aproveitando as sinerxías que temos con entidades como a UDC”, indicou Manuel Vázquez, concelleiro de Deportes.

O campionato arrinca este sábado 17, día das Letras Galegas, e nel tomarán parte os equipos da categoría Sub16 na que o Atletismo Narón en mulleres e a Sociedad Gimnástica de Pontevedra en homes estarán defendendo o título logrado o ano pasado nas mesmas instalacións coruñesas.

Xa para a xornada do domingo, a partir das 10.00 horas, será o momento para os equipos participantes no campionato Galego Sub20 na que novamente a Gimnástica en homes será o equipo a bater xunto ao Ourense Atletismo na categoría feminina, gañadores ambos da pasada edición.

En total pasarán polas instalacións universitarias coruñesas preto dun milleiro de atletas en representación de 47 clubs clasificados e procedentes de toda a comunidade.

Os quipos clasificados na categoría feminina son Atletismo Obradoiro, ADAS CUPA, Celta Atletismo, Atletismo Millaraio, Ría de Foz, Atletismo Sada, Atletismo Narón, Comesaña S.C., Coruña Comarca, Ferrol Atletismo, La Mochila del Deporte, Lucus Caixa Rural Galega, Ourense Atletismo, Agrupación Viguesa, Atletismo Santiago, Marineda Atlético e Ría Ferrol.

Na categoría masculina, os clasificados son o ADAS CUPA, Celta Atletismo, Ría de Foz, Atletismo Sada, Atletismo Narón, Coruña Comarca, Lucus Caixa Rural Galega, Ourense Atletismo, Agrupación Viguesa, Atletismo Santiago, Marineda Atlético, Riazor Coruña, CSCR Beade e Sociedad Gimnástica.

Segundo Manuel Vázquez, a disputa destes torneos na cidade supón tamén un “impulso para os nosos clubs, que lles permite competir ao máximo nivel sen ter que desprazarse”.

⚙ Configurar cookies
0.16009998321533