As obras do novo campo de fútbol de Carnoedo están na recta final

ACoruñaXa
A reforma permitirá que a instalación sexa apta para a práctica de Fútbol 11 e Fútbol 8
sada-campo
31 Jan 2025

O alcalde de Sada, Benito Portela, xunto co presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, a deputada de Plans Provinciais, Cristina García, a concelleira de Deportes, Rebeca Mouriño, e a concelleira do PSOE, Almudena Pena, visitaron as obras do campo de fútbol de Carnoedo, que se atopa na recta final do seu proceso de renovación. O Concello de Sada está a investir máis de 470.000 euros no proxecto, cunha achega do Plan de Obras da Deputación, para mellorar a calidade do terreo de xogo e outras instalacións.

As obras, que deron comezo a finais de verán, buscan dotar á instalación deportiva dun campo de fútbol de última xeración. A reforma inclúe a instalación de céspede artificial de alta calidade, un novo sistema de rego e un peche perimetral para mellorar a seguridade e a funcionalidade da instalación. Tamén se acometerá unha rede de saneamento e recollida de pluviais, que permitirá unha xestión eficiente das augas no recinto. O sistema de rego está composto por seis aspersores emerxentes, controlados por un programador, e un depósito cilíndrico de 15.000 litros. Ademais, realizarase a adaptación paisaxística do entorno, co peche perimetral do campo cunha rede parabalóns e o pintado do muro de formigón que rodea o terreo de xogo.

A renovación do campo de fútbol de Carnoedo tamén permitirá que a instalación sexa apta para a práctica de Fútbol 11 e Fútbol 8. O novo campo de Fútbol 11 terá unhas dimensións de 102x60 metros, cumprindo as normas NIDE para estas infraestruturas.

Durante a visita, o alcalde Benito Portela destacou a importancia desta obra como exemplo de colaboración entre diferentes administracións para mellorar os servizos e infraestruturas en beneficio da veciñanza. "Esta tarde, no pleno ordinario de xaneiro, o goberno local presentará novos investimentos en infraestruturas educativas, deportivas e viarias, que ascenden a 845.000 euros do POS aos que opta Sada", anunciou Portela, subliñando que o compromiso co municipio se reflicte en feitos concretos como a renovación do campo de fútbol de Carnoedo.

"Este é só un exemplo de que seguimos mellorando a calidade de vida na nosa vila, e imos seguir traballando en todas as parroquias para que todos os veciños e veciñas teñan as mellores infraestruturas", concluiu.

0.13996195793152