As obras de apertura do vial de Visouteiro están a punto de finalizar

As obras de apertura do vial de Visouteiro, na parroquia de Leiro, están practicamente finalizadas, tal e como informa o Concello de Miño. Quedaría pendente unicamente a sinalización horizontal. Esta intervención forma parte dun proxecto cuxo obxectivo principal era mellorar dous camiños municipais que, até agora, carecían dunha conexión axeitada e presentaban tramos totalmente intransitables.
O vial resultante ten unha lonxitude aproximada de 500 metros e un ancho medio de 3,5 metros. O seu firme combina asfalto e material compactado, o que garante unha maior durabilidade e comodidade para os usuarios. Con esta obra, facilítase o acceso directo a varias parcelas agrícolas, terreos forestais e vivendas situadas na zona, o que se traduce nunha mellora significativa para os veciños e propietarios.
Sinalan desde o goberno local que o orzamento desta actuación supera os 50.000 euros e foi financiado, na súa maior parte, pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER). Segundo o alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, esta inversión é unha mostra do compromiso do Concello co desenvolvemento rural e a mellora da calidade de vida nas parroquias. "Con estas obras conseguimos non só mellorar a accesibilidade, senón tamén fomentar a actividade económica no contorno, ao facilitar o traballo agrícola e forestal, ademais de garantir un acceso seguro ás vivendas", declarou o rexedor.
Faraldo destacou tamén a importancia de actuar sobre infraestruturas que, durante anos, foron fundamentais para o día a día de moitos veciños, pero que precisaban dunha intervención urxente. "Seguimos a traballar para que o rural de Miño conte cos servizos e as infraestruturas que merece, porque o seu desenvolvemento é clave para o futuro do noso municipio", engadiu.
O Concello prevé finalizar nos próximos días os traballos de sinalización horizontal, deixando así completamente operativa esta infraestrutura que supón un paso adiante na mellora das comunicacións rurais de Miño.