As novas pistas multideporte dos Rosales abren ao público como espazo de ocio saudable na Coruña

ACoruñaXa
As pistas, de acceso libre, están situadas entre a estrada dos Fortes e a rúa Simón Bolívar
corunha-deportes
27 Jun 2025

A Coruña conta cun novo equipamento deportivo ao aire libre. A alcaldesa, Inés Rey, visitou esta tarde as flamantes pistas multideporte dos Rosales, acompañada polo concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, e por veciños e veciñas do barrio, onde puxo en valor esta infraestrutura como exemplo do compromiso do Goberno local coa promoción do deporte e o lecer accesible para toda a cidadanía.

“Esta nova infraestrutura deportiva supón un novo pulo ao ocio saudable nos nosos barrios”, destacou a rexedora, quen lembrou que se trata dunha actuación que responde a unha promesa feita á veciñanza dos Rosales.

As pistas, de acceso libre, están situadas entre a estrada dos Fortes e a rúa Simón Bolívar, nunha área próxima ao monte de San Pedro. Ocupan dúas parcelas de titularidade municipal e contan con catro superficies habilitadas para a práctica de fútbol sala, baloncesto, minibaloncesto e voleibol.

A instalación tamén incorpora iluminación, peches perimetrais e divisores interiores que permiten independizar as diferentes áreas de xogo, evitando interferencias entre usuarios. Ademais, construíronse bancadas na contorna como zona de descanso, e os accesos peonís desde a estrada dos Fortes foron deseñados con criterios de accesibilidade universal, adaptados a persoas con mobilidade ou visibilidade reducida.

A alcaldesa salientou que este novo equipamento “sumarase á extensa rede de instalacións deportivas municipais que, baixo este goberno municipal, non para de medrar e mellorar, e que moi pronto contará cun novo espazo na Urbanización Breogán”.

⚙ Configurar cookies
0.17350196838379