As novas bases de BiciCoruña en Xuxán, Meicende e Mosteiro de Bergondo avanzan na expansión do servizo

ACoruñaXa
O Concello dá un novo paso para achegar a bicicleta pública a máis barrios e sitúa a rede preto das 80 estacións, tras pasar de 23 bases a case medio cento no pasado mandato
A CORUÑA bicicoruña
12 Dec 2025

O Concello da Coruña vén de poñer en funcionamento tres novas bases do servizo municipal BiciCoruña, dúas delas situadas no barrio de Xuxán, as primeiras con que contará esta zona da cidade, e unha terceira na travesía de Meicende. Con esta incorporación, o Goberno local entra nos últimos compases da actual fase de expansión do sistema de bicicleta pública, deseñada para reforzar a cobertura en todos os distritos.

A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, destacou o intenso traballo técnico e operativo que se está a desenvolver para completar esta ampliación, concibida para achegar BiciCoruña a máis barrios e responder ás necesidades de mobilidade das persoas usuarias en puntos estratéxicos da cidade. Díaz subliñou que a extensión do servizo permite ofrecer alternativas reais ao vehículo privado e afondar nun modelo de mobilidade máis sostible.

A xornada de traballos de onte incluíu tamén a instalación dunha nova base na rúa Mosteiro de Bergondo, que prestará apoio directo aos barrios da Agra do Orzán e o Ventorrillo. Ademais da colocación da estación, realizouse a correspondente sinalización horizontal e avanzouse nos trámites precisos para a posta en marcha da subministración eléctrica.

En paralelo, o Concello continúa co pintado da sinalización e cos procedementos de alta doutras seis bases eléctricas xa instaladas en diferentes puntos da cidade. Trátase das estacións situadas nos Mallos (a carón do centro cívico e na rúa Eusebio da Guarda), en Monte Alto (na rúa Vila de Cambre, preto do novo mercado municipal), no Ensanche (rúa Alfredo Vicenti) e na Pescaría (rúa Cordelería). Estas bases entrarán en servizo proximamente, unha vez completada a conexión enerxética e as probas de integración no sistema operativo de BiciCoruña.

A dinamización e expansión do servizo forma parte das políticas impulsadas polo Goberno de Inés Rey para promover a mobilidade sostible e o uso de vehículos de emisións cero na cidade. A actual fase de crecemento dá continuidade á renovación iniciada no pasado mandato, cando se pasou de 23 bases operativas a case medio cento. Coas novas estacións xa instaladas e as que entrarán en funcionamento nas vindeiras semanas, a rede municipal de bicicleta pública achégase ás 80 bases repartidas polos distintos barrios da Coruña.

⚙ Configurar cookies
0.06812596321106