As mulleres de Vilasantar reciben unha formación en autodefensa persoal

As mulleres de Vilasantar participaron nunha xornada de formación en autodefensa persoal para facer fronte a situacións violentas. Da man de Juan José Martínez e a través do Método MAS, achegáronse a unha metodoloxía específica de defensa persoal feminina, que lles permitiu aprender a empregar tanto o corpo como a mente ante posibles ameazas cotiás.
Durante a sesión, as participantes traballaron na identificación de sinais de perigo para previr situacións de risco e practicaron movementos efectivos para defenderse en caso necesario.
Esta formación terá continuidade o vindeiro sábado, cunha segunda sesión que se desenvolverá de 10.00 a 14.00 horas.