As Mariñas despiden o Entroido esta fin de semana con música, disfraces e moita orella

A comarca das Mariñas apura estes días as últimas horas de Entroido cunha fin de semana que volveu encher de cor prazas, pavillóns e centros sociais. Tras os días grandes do carnaval, varios concellos da área coruñesa mantiveron a festa viva este sábado 21 e este domingo 22 de febreiro, cunha receita que non falla: disfraces, animación para familias, música e gastronomía tradicional.

Un dos focos principais foi Cambre, que celebrou o seu Entroido Pequeno no Campo da Feira con desfile de carrozas e comparsas desde as 16.30 horas, concurso de disfraces e ambiente de tarde, antes de dar paso ao remate musical da xornada.
Tamén Bergondo botou o peche ao carnaval por todo o alto coa súa XXXIV Festa do Entroido e a XXIX Festa da Orella na contorna do CPI Cruz do Sar. A programación arrancou ás 16.30 horas cunha festa infantil con inchables e obradoiros, e xa pola tarde noite chegaron a música e o tramo máis gastronómico coa orella e a actuación da Orquestra Fania Blanco Show, ademais do clásico ‘BergondoRisión’.

Oleiros, pola súa banda, mantivo a troula máis alá da festa central e concentrou actividades tamén este sábado 21: en Mera houbo xornada con música, callos, chocolatada, festa infantil e queima do Entroido; en Santa Cruz programouse animación desde a tarde; e en Dexo, encontro con comparsa e baile.
En Arteixo, o Entroido prolongouse en clave de barrio. O Centro Social de Vilarrodís acolleu na tarde do sábado unha celebración con baile, xogos e pintacaras entre as 17.00 e as 19.00 horas, con premio final ao mellor disfrace. A partir das 19.00 horas, a festa completouse cun concurso de orellas e filloas impulsado pola asociación veciñal.
Culleredo tamén mantivo actividade até este sábado 21, co Entroido nos centros sociais e unha cita no Centro Cultural de Almeiras dentro da programación municipal.
E xa no domingo, Paderne colle a remuda cun dos eventos máis singulares da zona: o Entroido de Sámede, que volve poñer o acento na tradición e no desfile pola aldea como peche de fin de semana.