As 'Marchas de Primavera' congregan preto dun centenar de ciclistas en Betanzos

ACoruñaXa
A primeira marcha percorreu aproximadamente 7 quilómetros polo casco urbano
bicis-betanzos
10 Mar 2025

O primeiro domingo das 'Marchas de Primavera' deste ano celebrouse con gran éxito en Betanzos. Preto dun centenar de persoas congregáronse na Praza Irmáns García Naveira para gozar desta actividade deportiva e social.

O evento contou coa colaboración do Club BTT Caimanes Betanzos e do Club Ciclista Betanzos - CCB, ademais do apoio da Policía Local e Protección Civil, garantindo as condicións de seguridade para todos os participantes. A primeira marcha percorreu aproximadamente 7 quilómetros polo casco urbano de Betanzos, permitindo aos asistentes desfrutar do deporte, da boa compañía e da beleza da vila.

As 'Marchas de Primavera' organizadas polo Concello de Betanzos continúan este mes cunha programación prevista para os domingos 23 de marzo e o 6 de abril. As saídas terán lugar ás 12.00 horas desde a Praza Irmáns García Naveira e o uso do casco será obrigatorio durante todo o percorrido.

Desde a organización no Concello de Betanzos, agradecen a participación de todos os asistentes e esperan seguir contando cunha elevada afluencia nas próximas marchas.

⚙ Configurar cookies
0.15856504440308