As festas do Burgo, en Culleredo, contan cun operativo especial de seguridade

ACoruñaXa
A Policía Local, Garda Civil e Protección Civil coordinarán un operativo centrado na protección dos cidadáns
verbena-festa-orquesta-concerto
Imaxe de arquivo
23 Xul 2024

As festas patronais do Burgo comezan hoxe, martes 23 de xullo coa previsión de traer miles de persoas a Culleredo. Son un dos festexos referencia en Galicia, e os veciños espéranas con expectación. Combinarán as verbenas, cos postos ou as grandes atraccións.

O Concello contará cun plan especial de tráfico focalizado na seguridade do peón, co reforzo diario de patrullas da Policía Local e de efectivos de Emerxencias, que ademais apoiarán á Garda Civil no operativo de seguridade que establecerá.

Xunto á zona das festas instalarase o posto de mando avanzado das forzas e corpos de seguridade, posto sanitario avanzado, zona de ambulancias e bombeiros. O Concello estrea neste posto un sistema de videovixilancia para reforzar a atención, como se fixo nas festas de Vilaboa.

O Concello instalará tamén o Punto Violeta, para asistir ante situacións de agresións sexistas. Estará atendido por dous profesionais especialistas, unha delas psicóloga.

Como serán miles as persoas que acudan a pé ao recinto da festa, a Policía Local establecerá unha regulación nos pasos de peóns da contorna, con bandas redutoras da velocidade. Na avenida da Coruña, principal acceso á zona das festas, instaláronse valos que ampliarán a zona reservada aos viandantes.

A protección dos peóns será un dos grandes obxectivos do dispositivo. Ademais de controlar os pasos de peóns, a Policía Local velará por evitar aparcamentos prohibidos en zonas que afecten o tránsito das persoas, como as beirarrúas.

A avenida Juan Carlos I permanecerá cortada desde a glorieta da avenida da Coruña ata a rúa Anxo Senra. O corte comezará ás 17.00 horas, salvo o festivo 25 e o domingo 28, que será ás 12.00 horas.

O Concello de Culleredo recomenda aos que acudan ás festas en coche que collan a avenida Juan Carlos I en Fonteculler e seguindo as indicacións de Protección Civil e Policía Local estacionen nas zonas especiais habilitadas, como a chaira xunto ao botánico.

Para persoas con mobilidade reducida, o Concello creará zonas especiais no aparcamento de Gadis e na rúa Templarios. Os taxis terán unha parada especial na avenida da Coruña.

O alcalde, José Ramón Rioboo, fai un chamamento aos cidadáns para gozar dos festexos con tranquilidade, sen alcol ao volante, e atendendo en todo momento ás indicacións dos efectivos de seguridade.

0.15952897071838