As festas do Burgo arrincan cun dispositivo de seguridade e medidas contra as agresións sexistas

As festas patronais de O Burgo comezan, este mércores 23 de xullo, cunha previsión de asistencia de milleiros de persoas, que se achegarán a Culleredo para gozar dun dos eventos máis sinalados do verán en Galicia. O Concello prepara un dispositivo especial centrado na seguridade viaria e na protección das persoas, especialmente dos peóns.
O programa combina verbenas, atraccións e postos de feira nun ambiente festivo que se prolongará ata o 28 de xullo. Para garantir o bo desenvolvemento das celebracións, o Concello puxo en marcha un plan específico de tráfico que inclúe o reforzo diario da Policía Local e do servizo de Emerxencias, que colaborarán coa Garda Civil no operativo de seguridade.
Na contorna do recinto festivo instalarase un posto de mando avanzado, con presenza das forzas e corpos de seguridade, bombeiros, ambulancias e un punto sanitario. Ademais, contará cun sistema de videovixilancia para mellorar a capacidade de resposta ante calquera incidencia.
Un dos aspectos máis destacados do operativo é a instalación do Punto Violeta, un espazo de atención a posibles situacións de violencia ou acoso sexual, atendido por profesionais especializados. Tamén estará dispoñible a aplicación móbil Código Violeta, que permite enviar alertas xeolocalizadas de xeito inmediato ás forzas de seguridade.
A protección dos peóns será unha das prioridades do dispositivo. A Policía Local regulará os pasos de peóns e instalará bandas redutoras de velocidade. A avenida da Coruña, principal vía de acceso ao recinto, contará con valados para ampliar a zona peonil. Así mesmo, vixiarase que non haxa vehículos mal estacionados que obstaculicen o tránsito das persoas.
A avenida Juan Carlos I permanecerá cortada en distintos tramos durante as festas. Os días 23, 24, 26 e 28 o peche será a partir das 17.00 horas, mentres que o festivo 25 e o domingo 27 iniciarase ás 12.00 horas.
O Concello recomenda a quen se desprace en coche que acceda por Fonteculler e estacione nalgunha das zonas habilitadas, como a explanada xunto ao xardín botánico. Tamén se reservan espazos específicos para persoas con mobilidade reducida, no aparcadoiro de Gadis e na rúa Templarios. Os taxis terán unha parada específica na avenida da Coruña.
O alcalde, José Ramón Rioboo, apelou á responsabilidade cidadá para que as festas transcorran con tranquilidade e seguridade: “Facemos un chamamento para gozar dos festexos sen alcohol ao volante e atendendo sempre ás indicacións dos efectivos de seguridade”.