As familias do CEIP de Tarrío manteñen as mobilizacións en Culleredo para reclamar máis profesorado e apoio educativo

A ANPA Rosalía de Castro do CEIP Plurilingüe de Tarrío volverá saír hoxe á rúa para denunciar a falta de recursos humanos e materiais no centro e esixir á Xunta de Galicia máis profesorado de apoio. A nova manifestación terá lugar este martes 9 de decembro, cun percorrido entre o propio colexio e a rotonda da N-550, en horario de 15.30 a 16.30 horas, e coa recomendación expresa de que todas as persoas participantes leven chaleco reflectante por seguridade viaria.
A convocatoria chega despois da primeira marcha celebrada o pasado 27 de novembro, na que arredor dun cento de persoas, entre familias, alumnado e profesorado, percorreron o mesmo traxecto para facer visible o que consideran unha situación insostible no día a día do centro. Nesa xornada, o goberno local de Culleredo amosou o seu apoio á comunidade educativa, coas concelleiras de Educación e Cultura presentes na protesta, e reclamou tamén á Consellería de Educación unha resposta inmediata ás necesidades do colexio.
As demandas principais da ANPA mantéñense intactas: un reforzo inmediato de Pedagoxía Terapéutica (PT) para atender ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, máis recursos de apoio en Educación Infantil e a creación dunha cuarta unidade en 4º de Primaria que permita baixar as ratios e ofrecer unha atención máis personalizada nas aulas. A asociación lembra que estas peticións veñen formulándose desde hai tempo, tanto a través de escritos formais como da campaña de recollida de sinaturas iniciada en outubro.
Segundo a ANPA, a falta de persoal especializado e o exceso de alumnado por aula están a impactar directamente na calidade da atención educativa. No caso de Infantil, denuncian que a asunción de tarefas de dirección por parte de dúas mestras reduciu aínda máis as horas dispoñibles en aula, mentres que en 4º de Primaria a saturación de grupos fai, ao seu xuízo, imprescindible abrir unha nova liña.
A través das súas redes sociais, o colectivo de nais e pais insiste en que 'non imos calar' e que seguirán mobilizándose 'ata que nos escoiten', anunciando protestas todos os martes e xoves, no mesmo lugar e horario, ata novo aviso. Trátase, subliñan, dun compromiso sostido co obxectivo de defender unha educación pública inclusiva e de calidade para todo o alumnado de Tarrío.
A ANPA lembra tamén que o CEIP Plurilingüe de Tarrío, que vén de conmemorar o seu 50 aniversario, é un dos centros de referencia do concello, polo que consideran especialmente grave que continúe, segundo denuncian, cun déficit estrutural de profesorado de apoio.