As familias do CEIP de Tarrío, en Culleredo, chaman a manifestarse para reclamar máis recursos educativos

A ANPA Rosalía de Castro do CEIP Plurilingüe de Tarrío vén de convocar unha manifestación para o xoves 27 de novembro coa que quere visibilizar as carencias de recursos que, segundo denuncian, arrastra o centro. Baixo o lema 'Xuntos faremos forza, contamos con vós', as familias fan un chamamento á participación da comunidade educativa para defender unha educación pública de calidade.
A marcha partirá do propio colexio de Tarrío e avanzará ata a rotonda da N-550, nun percorrido previsto entre as 15.30 e as 16.30 horas. A asociación lembra que, por motivos de seguridade viaria, será obrigatorio que as persoas participantes leven chaleco reflectante durante todo o traxecto.
Entre as reivindicacións principais da ANPA figuran a dotación de Pedagoxía Terapéutica (PT) suficiente para atender o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, o incremento dos recursos en Educación Infantil e a creación dunha cuarta unidade de 4º de Primaria, co obxectivo de reducir ratios e garantir unha atención máis personalizada nas aulas.
Desde a entidade de nais e pais insisten en que estas demandas levan tempo enriba da mesa e que a mobilización é un paso máis para conseguir solucións por parte da Administración educativa. Ademais, adiantan que se trata só da primeira das accións previstas e que nos vindeiros días anunciarán novas datas de mobilización, mantendo aberto o diálogo co resto da comunidade escolar.
A ANPA anima a participar tanto ás familias como ao conxunto da veciñanza de Culleredo que queira apoiar estas reclamacións, e lembra que o CEIP de Tarrío é un centro de referencia no municipio que acaba de cumprir 50 anos de historia, polo que consideran imprescindible que conte cos medios necesarios para seguir ofrecendo un ensino público inclusivo e de calidade.