As familias do CEIP de Prácticas volven á rúa cunha manifestación o venres 19 para reclamar unha escola 'segura e digna'

ACoruñaXa
A marcha sairá ás 8.30h da praza da Tolerancia (Náutica) e o xoves 18, ás 17.00h, haberá un obradoiro no CUR (Empresariais) para preparar carteis reivindicativos
A CORUÑA ceip practicas
16 Dec 2025

A ANPA do CEIP de Prácticas da Coruña convoca para este venres 19 de decembro unha manifestación co obxectivo de esixir melloras no centro e respostas sobre o proxecto pendente da Xunta. A mobilización, acordada nunha asemblea celebrada en outubro, arrancará ás 8.30h na praza da Tolerancia (zona da Náutica) e contará cun percorrido 'festivo pero reivindicativo' polo contorno de Riazor e A Normal.

Segundo trasladou a asociación de familias, tras varias semanas de concentracións os venres diante do colexio e pese a percibir 'algún avance' municipal, seguen sen coñecer prazos nin detalles dun plan integral, ao tempo que denuncian que non se produciron cambios de fondo nas condicións do edificio no que estudan os seus fillos e fillas.

Como paso previo á marcha, a ANPA programou un obradoiro para elaborar pancartas o xoves 18, ás 17.00h, na aula 2 do CUR (Empresariais), coa intención de implicar ás crianzas e reforzar a visibilidade da protesta. Tamén animan a acudir con chiflos, cascos, pandeiretas e potas.

A convocatoria chega nun contexto no que a comunidade educativa leva meses alertando do deterioro das instalacións e reclamando unha reforma integral con calendario. Entre as deficiencias sinaladas figuran humidades, carpintarías e mobiliario en mal estado, falta de mantemento xeral e episodios como desprendementos na fachada da Normal nunha zona de paso.

Noutros comunicados e informacións recentes, as familias tamén puxeron o foco na xestión e nas responsabilidades compartidas entre administracións, ao entender que a falta de coordinación está a atrasar solucións estruturais no colexio.

CEIP Prácticas 19 diciembre
⚙ Configurar cookies
0.073440074920654