As familias chaman a mobilizarse o 28 de febreiro para defender a escola pública na Coruña

As familias do CEIP de Prácticas da Coruña sumáronse ao chamamento para saír á rúa o 28 de febreiro e denunciar o que consideran un abandono prolongado do ensino público. A ANPA do centro difundiu unha convocatoria baixo a mensaxe de ‘poñémonos en pé polo ensino público’, na que pon o foco en aulas con ratios elevadas, profesorado sobrecargado, falta de especialistas e persoal de apoio, atención insuficiente ao alumnado con NEE e NEAE, instalacións avellentadas, problemas de limpeza e salubridade e carencias de accesibilidade.
A mobilización enmárcase na marcha promovida pola Federación Provincial de ANPAs de Centros Públicos da Coruña, na que se prevé a participación de máis de 200 asociacións de toda a provincia. A convocatoria está fixada para as 11.00 horas e contempla un percorrido desde a praza de Ourense ata O Parrote, cunha temática de ‘superheroes’ para reivindicar ‘os heroes do ensino público’.
No caso do CEIP de Prácticas, situado no paseo de Rolda, a comunidade educativa leva meses reclamando solucións estruturais. As familias advertiron en mobilizacións anteriores de problemas de humidade e presenza de fungos, deterioro de ventás e patios, e tamén de elementos de peche danados que, segundo sinalan, poden supoñer un risco para o alumnado.
A ANPA insiste en que a resposta das administracións chega con ‘parches tardíos e insuficientes’ e reclama planificación real a medio e longo prazo, recursos humanos estables e criterios claros de intervención. A protesta do 28 de febreiro chega, ademais, nun contexto de forte tensión no ámbito educativo galego, con mobilizacións e peches en centros e demandas recorrentes de máis medios e redución de ratios.