As estrelas entran nas aulas de Culleredo para achegar o ceo nocturno á infancia

ACoruñaXa
O alumnado de 2º de Primaria de Culleredo participará na actividade 'Estrelas que contan historias', unha proposta do programa EducaCulleredo que levará un planetario portátil aos centros escolares
CULLEREDO ceip tarrio
11 Mar 2026

O ceo nocturno converterase nas próximas semanas nunha ferramenta educativa para o alumnado de Culleredo. O Concello impulsará a actividade 'Estrelas que contan historias', unha iniciativa incluída no programa municipal EducaCulleredo coa que os nenos e nenas de 2º de Educación Primaria poderán achegarse á observación astronómica sen saír das súas aulas.

A proposta levará aos colexios un planetario portátil capaz de recrear o firmamento en condicións de escuridade, de forma que o estudantado poida identificar estrelas, familiarizarse coas constelacións e descubrir como diferentes civilizacións miraron ao ceo ao longo da historia para orientarse, interpretar o mundo ou organizar a vida cotiá.

A actividade combinará así divulgación científica e patrimonio, xa que tamén permitirá ao alumnado elaborar o seu propio planisferio celeste e entender a relación entre a observación do firmamento e a historia das sociedades. O programa está dirixido a 206 escolares dos colexios de Tarrío, Sofía Casanova, Isaac Díaz Pardo, Ría do Burgo e Vila de Rutis, e desenvolverase entre o 16 de marzo e o 9 de abril.

A iniciativa encaixa ademais no valor que o ceo nocturno ten no territorio das Mariñas. A Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, da que forma parte Culleredo, obtivo en 2023 a certificación como Destino Turístico Starlight, un distintivo vencellado á calidade do firmamento para a observación astronómica.

Con esta proposta, o Concello reforza a vertente educativa de EducaCulleredo, un plan co que busca complementar a formación regrada con actividades ligadas ao patrimonio, á convivencia e ao coñecemento da contorna.

0.11886715888977