As escritoras Érica Esmorís e Rosa Aneiros triunfan no XVIII Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil

ACoruñaXa
Esmorís gaña na categoría Infantil con 'Terás que crela', mentres Aneiros se impón na Xuvenil conUnha historia de amor como outra calquera'
Imaxe do xurado XVIII Premio Raíña Lupa
5 Nov 2024

A Deputación da Coruña anunciou as gañadoras do XVIII Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil, que por primeira vez distingue de forma independente as categorías Infantil e Xuvenil. Nesta edición, Érica Esmorís foi recoñecida na modalidade Infantil pola súa obra Terás que crela, mentres que Rosa Aneiros se alzou co galardón na categoría Xuvenil pola novela Unha historia de amor como outra calquera.

O xurado, presidido pola deputada de Cultura, Natividade González, e composto polos vogais Rafael Fernández Lorenzo, Iria Misa, Leticia Barbadillo, Raquel Senra e Carlos Negro, valorou positivamente a proposta de Esmorís pola súa “potencia da voz protagonista, o humor e o enfoque lúdico da historia”. Destacaron como a obra consegue que “a mentira se converta en motor da ficción e enriqueza a vida da protagonista, permitindo apreciar o extraordinario no cotián”.

En canto á obra de Rosa Aneiros, Unha historia de amor como outra calquera, o xurado subliñou a súa capacidade para narrar unha historia de aprendizaxe desde un ton humorístico, cunha estrutura circular e unha linguaxe actual. A novela contrasta a vida cotiá dunha adolescente co mundo científico da Antártida, explorando temas como as relacións familiares, a conciencia ecolóxica e un concepto de amor que vai alén das relacións románticas típicas da adolescencia. Esta orixinalidade e frescura converteron a obra nunha das favoritas do certame.

O Premio Raíña Lupa, impulsado pola área de Cultura da Deputación da Coruña, busca promover a creatividade literaria dirixida ao público infantil e xuvenil e tamén render homenaxe á Raíña Lupa, figura lendaria das terras compostelás.

0.18979716300964