As escolas infantís municipais de A Coruña abrirán o luns o prazo para reservar praza para o curso 2026-27

O Concello da Coruña abrirá o vindeiro luns 9 de marzo o prazo para que as familias con nenos e nenas xa matriculados nas escolas infantís municipais (EIM) poidan reservar praza de cara ao curso 2026-27 ou solicitar traslado a outro centro da rede.
Este primeiro período estará aberto ata o xoves 12 de marzo e marca o inicio da campaña de admisión nas escolas infantís municipais. O seguinte paso será a publicación, o venres 13, da relación de prazas libres para novos ingresos.
A partir dese momento abrirase o prazo de preinscrición en liña para novas solicitudes, que poderá realizarse entre o 16 e o 30 de marzo. A resolución definitiva das prazas publicarase o 30 de xuño, mentres que o período de matrícula terá lugar entre o 1 e o 10 de xullo.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, destacou a importancia deste servizo público que, desde o pasado mandato, é gratuíto para as familias. Ademais, o Concello aprobou esta semana ampliar esta gratuidade ao horario ampliado, de maneira que as crianzas que, por circunstancias excepcionais, deban permanecer máis de oito horas no centro (ata un máximo de dez) poderán facelo sen custo adicional. As familias só deberán abonar os servizos complementarios como o comedor escolar.
Entre as novidades das bases de admisión tamén figura a creación dunha lista de agarda única para toda a rede municipal de escolas infantís. Ata agora, as listaxes eran independentes para cada centro. Con este novo sistema preténdese facilitar a asignación de prazas cando queden vacantes e axilizar o acceso das familias solicitantes.
Ademais, no caso de situacións excepcionais que se produzan durante o curso, como un traslado á cidade da Coruña, poderase obter praza nunha escola infantil se existen vacantes e non hai lista de agarda, sen necesidade de convocatorias extraordinarias.
O Concello da Coruña xestiona actualmente oito escolas infantís municipais: Arela (Elviña), Carricanta (O Castrillón), Os Cativos (Palavea), Agra do Orzán, Os Rosales, A Caracola (Novo Mesoiro), Luís Seoane e a escola infantil de Monte Alto, esta última renovada dentro das obras de remodelación do mercado municipal do barrio e que está previsto que abra as súas portas en setembro.