As escolas infantís de Oleiros reciben a visita das cadelas Blaqui e Luna

ACoruñaXa
Trátase dunha nova iniciativa educativa centrada na sensibilización e a convivencia con animais nos máis cativos
oleiros-cadelas
13 Jun 2025

O Concello de Oleiros puxo en marcha unha nova iniciativa educativa centrada na sensibilización e a convivencia con animais. As protagonistas son Blaqui e Luna, dúas cadelas adestradas que estes días visitan as catro escolas infantís públicas do municipio nunha actividade dirixida ao alumnado de 2 a 3 anos.

A acción ten lugar nas aulas da Braña (Mera), A Pardela (Regos), As Galeras (Bastiagueiro) e A Canteira (Perillo), e inclúe un total de oito sesións nas que profesionais especializados acompañan ás pequenas e pequenos no descubrimento do mundo canino.

O obxectivo é que aprendan, de forma lúdica e segura, a coñecer as necesidades dos cans, as responsabilidades que implica o seu coidado e como interactuar con eles dun xeito respectuoso.

Durante os encontros, as crianzas tamén se familiarizan cos diferentes labores que poden desempeñar os animais, ao tempo que se traballan valores como o respecto, o compañeirismo e a espera das quendas. Todo isto en ambientes afectivos e controlados que favorecen a aprendizaxe emocional e reducen posibles medos cara aos cans.

“Esta intervención educativa busca fomentar unha convivencia segura e respectuosa entre os nenos e nenas e os cans”, explican desde o Concello, destacando a importancia de introducir este tipo de aprendizaxes desde idades temperás. Con Blaqui e Luna como aliadas, a iniciativa está a ter unha acollida moi positiva entre o alumnado e as súas familias.

⚙ Configurar cookies
0.19024205207825