As escolas deportivas e culturais de Culleredo contarán cun orzamento de máis de 600.000 euros

O Concello de Culleredo abriu o procedemento para a contratación da organización das escolas deportivas e culturais para o presente curso, cunha posibilidade de prórroga para o seguinte. O orzamento total ascende a 614.000 euros, repartidos en 307.351,09 euros anuais. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 25 de setembro.
As actividades culturais abarcan modalidades como swing, baile de salón, óleo, informática, inglés, guitarra ou patchwork para adultos, e deseño de videoxogos ou os populares talleres de Cullerchef para escolares. No ámbito deportivo, a oferta inclúe marcha nórdica, yoga, pilates, ximnasia ou ritmoZUM fitness para adultos, e patinaxe, psicomotricidade ou ximnasia rítmica para nenos e nenas.
O equipo humano mínimo previsto é de 40 monitores (20 para actividades culturais e 20 para deportivas) e dous coordinadores, incluído un director de tempo libre. Ademais, os monitores deberán acreditar formación ou experiencia adecuada ao perfil de cada actividade.
Para garantir a calidade, os pliegos valorarán aspectos como o proxecto de xestión, o material a empregar, os procedementos de comunicación e coordinación e o protocolo ante incidencias. Cada ano participan arredor de 1.700 persoas, que tamén se benefician das actividades de clubs deportivos e asociacións locais, co apoio do Concello.
O prazo de preinscrición está aberto ata o 17 de setembro a través da sede electrónica municipal ou de forma presencial no Rexistro do Edificio de Servizos Múltiples. O sorteo das prazas, se é necesario, realizarase o 22, as listas publicaranse o 23, e a matrícula estará aberta do 24 ao 30 de setembro. As vacantes ofertaranse o 3 de outubro, iniciándose a súa matrícula o día 6.