As empresas Abeconsa e Canarga liderarán a transformación peonil dos Cantóns na Coruña

A Mesa de Contratación do Concello de A Coruña vén de propoñer a adxudicación á UTE Abeconsa-Canarga para executar as obras de reurbanización dos Cantóns, tras obter a maior puntuación entre as 17 ofertas presentadas ao concurso público. O concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, confirmou que “a adxudicación formal está prevista para o inicio do ano que vén”, despois de completar todos os trámites necesarios.
A intervención contará cun investimento de máis de 6 millóns de euros e suporá unha remodelación integral destinada a ampliar os espazos peonís entre Juana de Vega e a Autoridade Portuaria, nun paso clave para abrir o porto á cidade. A proposta da UTE destaca por rebaixar nun 7,50% o custo inicial das obras e reducir o prazo de execución a 20 meses, catro menos do estipulado inicialmente.
Medidas para garantir a seguridade e melloras na infraestrutura
Hoxe tamén saíu a licitación o servizo de asistencia técnica para definir o plan de seguridade e saúde, un elemento imprescindible en proxectos deste calibre. Este plan incluirá medidas de prevención de riscos laborais, emerxencia e evacuación, e preverá informes mensuais sobre o desenvolvemento das obras.
A remodelación incluirá a creación dunha nova bancada sobre o aparcadoiro dos Cantóns, concibida como un espazo de encontro cidadán, e a ampliación do carril bici nos xardíns de Méndez Núñez, que pasará a ser bidireccional e conectará co paseo marítimo do Orzán. Ademais, executarase a peonalización de Entrexardíns, permitindo unha continuidade peonil entre os xardíns e o Palco da Música.