As cantantes Iria Estévez e Leticia Rey protagonizan a novena edición do ciclo Músicas Íntimas en Carral

ACoruñaXa
Os concertos terán lugar na Casa da Cultura esta fin de semana, con entrada gratuíta e aforo limitado a 50 persoas
Imaxe de Iria Estévez e Leticia Rey
16 Ago 2024

A Concellería de Cultura de Carral celebrará esta fin de semana a novena edición do ciclo Músicas Íntimas, un evento que busca conectar ao público cos artistas a través de espectáculos de pequeno formato. Este ano, o programa incluirá dous concertos protagonizados por dúas destacadas voces do panorama musical galego: Iria Estévez e Leticia Rey.

Iria Estévez será a encargada de inaugurar o ciclo o sábado 17 de agosto, ás 21.00 horas, coa súa proposta centrada na lusofonía, explorando estilos como o fado, a cantiga galega e a morna, sen deixar de lado outras músicas de Brasil, Cuba e México. Estévez, acompañada polo músico Gonzo Piña, leva varios anos actuando en festivais e salas por toda a península.

O domingo 18 de agosto, tamén ás 21.00 horas, Leticia Rey tomará o relevo co seu recital, no que estará acompañada por Iago Mouriño ao teclado. Gañadora do Premio de Estudos Mans da Fundación Paideia, Rey conta cunha das voces máis fermosas e persoais de Galicia, movéndose con soltura entre a bossa nova, o bolero, o jazz vocal e o soul, sen esquecer as súas raíces folk.

As actuacións realizaranse na Casa da Cultura de Carral. A entrada será gratuíta, pero o aforo estará limitado a 50 persoas, abrindo as portas ás 20.45 horas.

 

 

0.19802594184875