As cámaras e unha nova aplicación redefinirán o acceso á Cidade Vella antes do verán

ACoruñaXa
O Concello de A Coruña prevé activar en maio a fase de probas do novo sistema para residentes e deixalo plenamente implantado en xuño, cun reforzo paralelo do control do estacionamento e da peonalización
A CORUÑA xenérica cidade vella
25 Mar 2026

A mobilidade na Cidade Vella entra nunha nova fase. O Concello da Coruña quere ter plenamente operativo antes do verán o novo sistema de control de accesos por cámaras, unha ferramenta coa que pretende ordenar a entrada de vehículos, blindar o uso do estacionamento reservado a residentes e facer máis efectiva a peonalización nun dos espazos con máis sensibilidade urbana da cidade.

A primeira peza do plan chegará en maio coa posta en marcha dunha nova aplicación para que a veciñanza poida xestionar os seus permisos de acceso de forma presencial, por ordenador ou desde o móbil. A través desa plataforma poderanse tramitar autorizacións permanentes e tamén accesos temporais, nun cambio co que o Concello busca simplificar un sistema que levaba tempo xerando queixas e necesidades de actualización no barrio.

En paralelo, o Goberno local xa iniciou a revisión das matrículas dos vehículos que cumpren os requisitos para acceder á zona, co obxectivo de depurar o censo e evitar que sigan figurando coches transferidos a terceiros ou que xa non estean vinculados a residentes da Cidade Vella. A nova relación de vehículos autorizados funcionará en fase de probas durante maio, un mes no que tamén se poderán corrixir erros e atender reclamacións antes da implantación definitiva prevista para xuño.

O plan inclúe ademais un reforzo da vixilancia sobre o uso fraudulento das prazas reservadas a residentes. O Concello xa mellorou o control no aparcadoiro do Oceanográfico-Ánimas mediante sinalización específica, pintado das prazas e cámaras con lectura de matrícula, e prevé estender ese modelo ao resto das bolsas de estacionamento residencial da zona histórica. Antes da entrada en funcionamento total do sistema, a Administración local tamén desenvolverá unha campaña informativa co apoio da asociación veciñal para explicar o novo software da ZBE e os permisos especiais de circulación e estacionamento.

0.12611508369446