As Brigantias Roller Derby A Coruña: "Somos un equipo inclusivo no que todo o mundo ten cabida"

ACoruñaXa
As Brigantias Roller Derby A Coruña foron o primeiro equipo deste deporte en aparecer non soamente na Coruña, senón que en Galicia no ano 2012. Dende entón non deixaron de medrar e de loitar polo seu soño de facer máis coñecido este peculiar deporte entre os galegos e galegas
As Brigantias Roller Derby A Coruña, foron o primeiro equipo deste deporte na Coruña
5 Mar 2024

Miriam García

Os colectivos e asociacións da cidade da Coruña, ao igual que o fan os cidadáns, márcanse novos propósitos e desexos de cara ao arranque do novo ano e fan un balance de como foi a súa actividade ao longo do 2023. Dende a redacción ACoruñaXa queremos dar voz a tódalas agrupacións que conforman e facilitan a vida dos coruñeses e coruñesas, por iso estás últimas semanas cada domingo lles dedicamos un espazo a algunhas delas, empezando polo sector cultural, un dos máis aprezados nos últimos anos, pasando polos dereitos das persoas LGTBI e a alza dos trastornos da conducta alimentaria.

Hoxe é o turno do deporte, pois a oferta deportiva na cidade non deixa de medrar dende fai anos. As Brigantias Roller Derby A Coruña foron o primeiro equipo deste deporte en aparecer non soamente na Coruña, senón que en Galicia no ano 2012. Dende entón non deixaron de medrar e de loitar polo seu soño de facer máis coñecido este peculiar deporte entre os galegos e galegas. “Somos un equipo inclusivo no que todo o mundo ten cabida”, explica Marina Curto, integrante do Comité de Comunicación do equipo. “O Roller Derby é un deporte de contacto sobre patíns e sempre estamos abertas a recibir novas xogadoras e árbitros”, engade. 

Botando unha ollada cara o ano 2023 teñen máis que claro que foi “un ano boísimo” para elas. “Comezamos o ano xogando contras as St. Pauli Roller Derby de Hamburgo (Alemaña) na casa e despois contra as rapazas de Rotterdam Roller Derby de Rotterdam (Holanda) e de Crime City Rollers de Malmö (Suecia)”, conta Marina.

Coa Liga Nacional de ARDE están contentas despois de xogar contra os tres mellores equipos de España: o Roller Derby Madrid, o Barcelona Roller Derby e o Valencia Roller Derby. “É certos que perdemos os encontros, pero foi unha experiencia moi positiva para o equipo”, apunta a xogadora.

No mes de outubro organizaron un torneo internacional na cidade ao que acudiron o equipo das Oxford Roller Derby e as Hard Breaking Dolls da República Checa. “Tamén ao noso equipo B estanlle a ir ben as cousas. Xogaron en decembro en Asturias contra La Güestia Roller Derby Asturias e este ano ten varios encontros contra o Irmandiñas B, o outro equipo de Roller Derby da cidade”, explica Marina. 

Entre as súas metas marcadas para o 2024 atópanse: “Gañar os nosos partidos da Liga Nacional para poder chegar á final, intentar ascender de novo á Primeira División porque estamos sempre metidas nesa continua loita, xogar o noso torneo internacional o próximo 1 de xullo e seguir a manter uns bos resultados para ocupar as posicións altas do ránking de equipos global”. Ademais de, como apunta Marina, traer á cidade máis equipos internacionais para continuar a poñer á Coruña no punto de mira do Roller Derby e de continuar a xogar contra xente boa. 


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.1720449924469