As Bibliotecas Municipais da Coruña celebran a Semana do Libro cunha chea de actividades
O Concello da Coruña promove preto dunha vintena de actividades para festexar a Semana do Libro, que terá lugar dende o 22 ate o 27 de abril nas Bibliotecas Municipais. Baixo o lema "Letras que unen, oficios que inspiran e historias que transforman", o Goberno de Inés Rey avanza na dinamización da rede de Bibliotecas con cinco días de obradoiros, contacontos, mesas redondas e unha solta de libros.
Entre os obradoiros programados destacan os de ilustración, escrita e encadernación, co obxectivo de dar a coñecer o oficio da escrita. Nesa liña, o martes 23 de abril terá lugar a actividade central da Semana do libro, coincidindo coa propia celebración do día do libro. Será unha mesa redonda co título "A Coruña, cidade de libro", sobre a construción literaria coas creadoras coruñesas Bibiana Candia (escritora), Lucía Cobo (ilustradora) e María Reimóndez (traductora). Será ás 19.00 horas da tarde na Biblioteca de Estudos Locais, con entrada de balde ate completar capacidade.
Tamén o martes 23, comezará unha 'solta de libros' nos parques próximos a cada biblioteca. Liberaranse lotes de libros que estarán identificados con instrucións sobre como participar na dinámica, que consiste en atopalos e levalos para despois deixalos noutros lugares públicos e fomentar así a dinamización da lectura.
Ademais, as persoas que o desexen poderán visitar as Bibliotecas Municipais para coñecer diferentes mostras bibliográficas sobre o proceso da creación e oficio literario, desde a escrita e a ilustración ata a impresión e a encadernación. Con esta iniciativa, o Concello procura fomentar a lectura e poñer en valor os oficios, xunto co traballo artesán e o proceso creativo detrás de cada obra. Estas completaranse coa mostra 'Historia do libro' na Biblioteca de Monte Alto, cun percorrido histórico dende os primeiros manuscritos ata o libro electrónico, pasando por temas como a tipografía, a encadernación, a editora do século XIX, o modernismo ou as bibliotecas.
No referido aos obradoiros, o prazo de inscrición abrirase sete días antes da celebración da actividade. As persoas que o desexen, poderán realizar a súa solicitude de inscrición na web coruna.gal/bibliotecas.
O programa dos obradoiros:
ESCRITA
- Obradorio Lettering con Alba Farto no Ágora: mércores 24, 18.00 horas (de 9 a 14 anos).
- Obradorio Lettering con Alba Farto en Durán Loriga: venres 26, 18.30 horas (de 8 a 12 anos).
- Obradoiro Escrita Fotográfica con Nuria Vil no Ágora: venres 26, 18.30 horas (Público adulto +16 anos).
ILUSTRACIÓN
- Obradoiro de Ilustración con tecido e fío con Bea Lema en Durán Loriga: mércores 24, 19.00 horas. (Mocidade e Público adulto).
- Obradoiro de Ilustración (Banda Deseñada) con Bea Lema na Sagrada Familia: sábado 27, 11.00 horas. (de 8 a 12 anos).
IMPRENTA
- Obradoiro de Imprenta Creativa con Alouette Machine no Castrillón: martes 23, dúas quendas 17.00 horas e 18.30 horas (Público familiar con crianzas +10 anos).
- Obradoiro de elaboración de Libros en Pop-Up con Aida Alonso no Forum: xoves 25, 18.30 horas (de 8 a 12 anos).
ENCADERNACIÓN
- Obradoiro de encadernación_xaponesa con Códice nos Rosales: xoves 25, 11.30 horas (Público adulto).
- Obradoiro de encadernación cartoné con Códice nos Rosales: xoves 25, 18.30 horas (Mocidade de 12 a 18 anos).
NARRACIÓN
- Contacontos narración+ilustración con Caxoto e Marc Taeger no Ágora: luns 22, 18.30 horas (Familias con crianzas de 4 a 8 anos).
- Charla sobre a Historia da escritura e o libro no Ágora: luns 22, 19.30 horas (Mocidade e Público adulto).
- Contacontos para bebé con Xarope Tulú_Mesoiro: martes 23, 18.00 horas (Familias con crianzas de 1 a 3 anos).
- Mesa redonda_coloquio "A Coruña, unha cidade de Libro"nos Estudos Locais | Bibiana Candia (escritora), Lucía Cobo (ilustradora) e María Reimóndez (traductora): martes 23, 19.00 horas (Mocidade e Público adulto).
- Recital poético "Déboche unha" en Durán Loriga: Lucía Aldao e Andrea Nunes: xoves 25, 19.00 horas (Mocidade e Público adulto)