As bibliotecas da UDC incorporan 20 puntos violeta contra a violencia machista

ACoruñaXa
A iniciativa, impulsada pola Universidade da Coruña en colaboración coa Deputación, forma parte das accións do 25N e ofrecerá información e recursos fronte ás violencias machistas e LGTBIfóbicas
A CORUÑA udc puntos violeta bibliotecas
21 Nov 2025

As bibliotecas e aulas de estudo da Universidade da Coruña (UDC) contan xa con 20 puntos violeta deseñados para informar e sensibilizar a comunidade universitaria fronte á violencia machista. A medida enmárcase na campaña do 25 N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, e responde a unha iniciativa conxunta da UDC e da Deputación da Coruña.

A deputada provincial de Igualdade, Soledad Agra; a vicerreitora de Igualdade e Diversidade da UDC, Cristina López; e a directora da Oficina de Igualdade da UDC, Ana Neira, presentaron hoxe estes puntos informativos, que se distribuirán polos diferentes espazos de estudo dos campus da Coruña e de Ferrol.

Os puntos violeta materialízanse en tótems con forma de cubo que recollen información sobre recursos específicos da Universidade, como a Oficina para a Igualdade de Xénero ou a Unidade de Atención á Comunidade Universitaria LGTBIQ+, así como sobre o protocolo propio da UDC para previr, detectar e actuar ante casos de violencia machista, discriminación ou acoso sexista. O obxectivo é facilitar que o alumnado, o persoal docente e de administración identifiquen estas situacións e saiban como reaccionar.

Ademais de ofrecer datos prácticos e canles de contacto, estes soportes servirán como punto de recollida de material divulgativo e campañas relacionadas coa igualdade e a prevención das violencias. Actualmente inclúen diferentes publicacións editadas pola área de Igualdade da Deputación da Coruña, entre elas a 'Guía de actuación ante situacións de violencia machista' e un tríptico específico sobre como proceder nestes casos.

A Universidade vén de elaborar tamén, coa colaboración da institución provincial, unha nova 'Guía de acompañamento a superviventes de violencia machista', que se presentará a vindeira semana dentro da programación de actividades do 25 N nos campus da Coruña e de Ferrol. Esta ferramenta pretende orientar ás persoas que acompañan ás vítimas, ofrecendo pautas básicas de apoio e información sobre os servizos especializados aos que se pode acudir.

Tanto a Deputación como a UDC subliñan que a creación destes puntos violeta nas bibliotecas, espazos de grande afluencia diaria, busca reforzar a mensaxe de tolerancia cero fronte ás violencias machistas e converter a universidade nun contorno máis seguro, informado e igualitario.

⚙ Configurar cookies
0.071631908416748