As Asociacións de Escritores reivindican a inclusión da Escrita Creativa na Lei de Ensinanzas Artísticas
Trala aprobación no Consello de Ministros da Lei de Ensinanzas Artísticas e a súa próxima tramitación no Congreso dos Deputados, a Plataforma Calíope, que agrupa boa parte das escolas e obradoiros literarios do Estado, así como ás principais Asociacións Profesionais de Escritoras e Escritores, como a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, publicaron un manifesto común que recolle as súas peticións para a Escritura Creativa.
Por unha banda, presentan o seu apoio a unha lei que consideran moi necesaria para o recoñecemento da formación artística, así como do labor das persoas, empresas e institucións que levamos anos impartíndoa. Ven o recoñecemento que a Lei de Ensinanzas Artísticas outorga a estas disciplinas de xustiza como algo esencial para o futuro das mesmas.
Doutro lado, sinalan que a súa exixencia de que, á relación de ensinanzas artísticas recollidas en dita lei, se engada a Escrita Creativa, disciplina inxustamente esquecida e sen que a Lei quedaría inevitabelmente incompleta. A Escrita Creativa é unha ensinanza artística con máis de 40 anos de traxectoria no Estado e plenamente implantada como disciplina oficial na gran maioría dos estados da contorna, tanto a nivel europeo como en Latinoamérica.
A súa incorporación á Lei de Ensinanzas Artísticas non só é necesaria para asegurar que a formación das escritoras e escritores teña o mesmo nivel e oportunidades que a dos demais artistas, senón tamén para permitir que as escolas e obradoiros literarios, así como o profesorado –a maioría formado por escritoras e escritores– que desenvolven a súa actividade nos mesmos, poidan ver recoñecidos o seu coñecemento e a experiencia acumulados.
O futuro de todo un sector –empresas, traballadores/as e estudantes–, que veu desenvolvendo unha metodoloxía e un sistema de ensino propios e de alta calidade, que formou moitas das escritoras e escritores emerxentes na actualidade, depende tamén do recoñecemento da nosa actividade como disciplina artística e, en consecuencia, da súa inclusión na relación de ensinanzas artísticas do artigo 6 da Lei de Ensinanzas Artísticas, actualmente en tramitación parlamentaria.
Por elo, dende a Plataforma Calíope, solicitan o apoio de todos os grupos políticos e parlamentarios, así como da sociedade en xeral e das escritoras e escritores e demais actores do sector do libro (editoriais, librarías, distribuidoras, lectores e lectoras, etc.), á emenda que se presentou para que as Ensinanzas Artísticas Superiores de Escrita Creativa sexan incluídas na citada Lei.