As ANPAS dos cinco CEIP de Oleiros reclaman no Pleno municipal un ensino público máis inclusivo e con recursos suficientes

As ANPAS e AFAs dos cinco centros públicos de educación infantil e primaria de Oleiros (A Rabadeira, Isidro Parga Pondal, Juana de Vega, Luís Seoane e Valle Inclán) interviñeron no Pleno municipal deste 26 de novembro para expresar a súa crecente preocupación pola situación do ensino público en Galicia. As familias esixiron un cambio profundo nas políticas da Consellería de Educación, que consideran desfasadas e incapaces de responder ás necesidades actuais do alumnado e do profesorado.
A unidade das ANPAS, que representan a todos os CEIP do municipio, cualifícase como un feito pouco habitual e interpretouse como un indicador da gravidade da situación. As familias salientaron que apostan por un ensino público verdadeiramente inclusivo, capaz de atender en condicións de igualdade a nenos e nenas con diferentes perfís socioeconómicos, culturais e necesidades educativas. Reivindican tamén unha escola de calidade, con profesorado suficiente e motivado, capaz de garantir tanto o cumprimento do currículo como unha formación complementaria esencial en materias como artes, medio ambiente, valores ou actividades formativas fóra da aula.
Porén, denuncian que curso tras curso os centros comezan reclamando reforzos, titores ou reducións de ratio que non chegan, e que os equipos directivos e os servizos de orientación están desbordados. A escaseza de especialistas en Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe, a falta de profesorado para realizar desdobres ou cubrir gardas, e a presenza de coidadores compartidos entre varios colexios son, segundo as ANPAS, problemas xa crónicos.
Critican tamén que a Consellería xustifique esta situación amparándose nun catálogo de dotación aprobado hai anos, moi afastado do contexto educativo actual, no que o número de alumnado con necesidades específicas se incrementa cada curso. Lembran que, mentres sobre o papel parece que os números cadran, na realidade o profesorado está desbordado e sen tempo para participar en programas complementarios, mesmo aqueles impulsados pola propia Xunta e dotados con importantes investimentos.
As familias afeán á Administración educativa unha actitude de desinterese e falta de diálogo, e insisten en que xa non poden agardar máis. Reclaman que se acheguen os recursos mínimos necesarios para garantir un ensino público que cumpra cos estándares de calidade e inclusión recollidos na normativa vixente.
As ANPAS conclúen que só cun ensino público forte, equitativo e ben dotado se pode garantir unha igualdade real de oportunidades para o alumnado.