As agrupacións de Protección Civil realizaron preto de 50.000 operativos no 2023 en Galicia

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
As actuacións centráronse en accidentes de tráfico, incidentes relacionados con animais, incendios, rescates e operativos sanitarios e de seguridade
proteccion-civil
Axente de Protección Civil
25 Ago 2024

As Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) galegas realizaron 48.179 operativos ao longo de 2023, cunha media diaria de máis de 132 intervencións. As actuacións centráronse na súa meirande parte en accidentes de tráfico, con case o 35%, ademais de en incidentes relacionados con animais, incendios, rescates e operativos sanitarios e de seguridade.

Cómpre sinalar tamén a asistencia en festivais, eventos deportivos e outras concentracións masivas, onde se require un elevado control para o correcto desenvolvemento da programación e evitar riscos. De feito, un 25% das actuacións realizadas polas AVPC tiveron lugar en fins de semana e datas específicas, o que demostra a dedicación destes colectivos nos momentos de maior necesidade.

A importancia do labor desenvolvido polas Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil fixo medrar a súa presenza en Galicia ata os 235 colectivos en 2023, máximo histórico. Para garantir un desenvolvemento eficaz do seu traballo, a Xunta apoia as AVPC a través de diferentes liñas de axuda que supuxeron un investimento superior aos 20 millóns de euros nos últimos anos.

Este financiamento permitiulles reforzar o seu equipamento coa adquisición de novos vehículos, equipos de protección individual e ferramentas tecnolóxicas avanzadas a prol da capacidade operativa e a seguridade do persoal voluntario. Contan tamén cunha liña anual de axudas destinada ao mantemento da súa actividade, que ascende a 340.000 euros e que só este ano beneficiou preto de 200 colectivos.

A formación é outro dos piares do apoio do Goberno galego ás AVPC, con cursos específicos impartidos a través da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp). Ao longo do último ano houbo case un cento de accións formativas nas que participaron 2.000 persoas.

A maiores, a Xunta investiu en campañas de sensibilización e prevención dirixidas á poboación co fin de promover unha cultura de autoprotección e resposta rápida ante emerxencias.

As Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil organízanse como asociacións integradas nos concellos, comarcas ou mancomunidades de municipios, abertas á participación de toda a veciñanza e sen ánimo de lucro. Estas agrupacións están inscritas no Rexistro de Protección Civil. O seu traballo complementa o dos servizos profesionais grazas ao profundo coñecemento da contorna, á formación específica e á forte integración social. Son especialmente importantes tanto nas tarefas de prevención como nas intervencións directas en situacións de emerxencia.

0.19877481460571