Arteixo xa quenta motores para o seu 10º Concurso de Maios ultimando as inscricións

A Concellaría de Cultura de Arteixo lembra que o prazo de inscrición para participar no 10º Concurso de Maios remata o vindeiro 16 de maio ás 14.00 horas. Este concurso, que celebra a chegada da primavera, terá lugar o 23 de maio na Avenida do Balneario, e anima a toda a veciñanza a participar en dúas modalidades: Maios Tradicional: pirámides, conos ou cruceiros feitos con materiais naturais; ou Maios Artístico: figuras, escenas ou creacións libres utilizando calquera material.
Os participantes poderán optar a premios de 400 euros por modalidade, así como a un premio especial para centros educativos. Ademais, todos aqueles que cumpran os requisitos recibirán unha compensación de 100 euros por participar.
Con todo, a inscrición está limitada a un total de 22 maios, e a admisión farase por orde de inscrición. As persoas interesadas en formar parte desta cita festiva poderán inscribirse ata o 16 de maio, de maneira electrónica ou de forma presencial no Servizo Municipal de Cultura.
Os premios entregaranse o 23 de maio ás 13.00 horas na Praza do Balneario, ou na Capela, no caso de que as condicións meteorolóxicas non permitan a celebración no exterior.