Arteixo súmase á Rede Axenda 2030 para avanzar cara a un municipio máis sostible

O Concello de Arteixo deu un paso máis no seu compromiso coa sustentabilidade coa súa adhesión á Rede de Entidades Locais para a Axenda 2030, unha iniciativa estatal que fomenta a colaboración entre administracións municipais para aplicar accións que melloren o medio ambiente, impulsen o desenvolvemento social e económico e protexan a calidade de vida da veciñanza.
Esta incorporación permitirá que Arteixo comparta experiencias e boas prácticas con outros concellos e deputacións, favorecendo unha mellor xestión dos recursos locais. Ademais, formar parte da rede facilita o acceso a formación, asesoramento técnico e recursos específicos, co obxectivo de impulsar proxectos que promovan un futuro máis sostible para o municipio.
O goberno local salientou que a adhesión reforza o papel de Arteixo na loita contra o cambio climático, na protección do medio ambiente e na promoción de políticas sociais e económicas responsables. Sumarse á Rede Axenda 2030 supón un compromiso público para avanzar cara a un modelo de concello sostible e colaborativo, en sintonía cos retos globais actuais.