Arteixo, sede do Campionato de España de Seleccións Autonómicas Sub-14 e Sub-16 Masculinas

ACoruñaXa
Disputaranse encontros no complexo deportivo de Ponte dos Brozos e no estadio municipal de Pastoriza
ctoespaña-(1)
5 Feb 2025

O Concello de Arteixo acolleu a presentación do Campionato de España de Seleccións Autonómicas Sub-14 e Sub-16 Masculinas, unha competición de gran prestixio dentro do fútbol base nacional. A vila será unha das sedes deste evento, que se disputará nos campos do complexo deportivo de Ponte dos Brozos en Arteixo e no estadio municipal de Pastoriza. Entre o venres 7 e o domingo 9 de febreiro, xogaranse partidos decisivos das Fases Ouro e Prata, nos que seleccións de toda España loitarán polo título.

No acto de presentación, celebrado nun dos campos de Ponte dos Brozos, estiveron presentes o vicepresidente da Federación Galega de Fútbol, Juan Villamisar, representantes dos clubs Atlético Arteixo e Pastoriza, a concelleira de Deportes, Puri Zas, e o alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo. O rexedor salientou a relevancia deste campionato, que atraerá numerosos visitantes ao municipio, afirmando que “ademais de ofrecer un gran espectáculo deportivo, tamén suporá un importante impulso económico, xa que moitas das persoas que veñen deixarán un impacto positivo no comercio local”.

Pola súa banda, Villamisar destacou a complexidade organizativa dun evento que mobiliza máis de mil persoas entre xogadores, técnicos e resto do persoal das seleccións participantes, ademais doutras dúas mil persoas que se desprazarán a Galicia para asistir aos partidos.

O torneo, organizado pola Real Federación Española de Fútbol, reunirá os mellores xogadores das categorías Sub-14 e Sub-16, que representarán as súas respectivas comunidades autónomas na procura do título nacional. O campionato celebrarase de forma simultánea en diversas instalacións deportivas da provincia, como a Cidade Deportiva da Torre, o Campo Municipal de Vilaboa en Culleredo, o estadio de Pastoriza, o Campo Municipal de Ponte dos Brozos en Arteixo e o Campo Municipal da Laracha.

O Concello de Arteixo anima a todos os afeccionados ao fútbol a achegarse a Arteixo e Pastoriza durante a fin de semana para desfrutar en directo do mellor fútbol autonómico xuvenil, que traerá a Galicia ás futuras estrelas do fútbol español.

0.17411184310913