Arteixo redacta o proxecto para mellorar a conexión viaria e peonil en Vilarrodís

ACoruñaXa
O plan, cun investimento de 1 millón de euros, inclúe novas beirarrúas, zonas verdes e un parque, e sairá a licitación en 2026
ARTEIXO senda fluvial
3 Nov 2025

O Concello de Arteixo está a redactar o proxecto de mellora da conexión viaria e peonil en Vilarrodís, unha actuación que suporá un investimento de 1 millón de euros e que está previsto que saia a licitación en 2026.

O proxecto contempla a construción de 400 metros lineais de beirarrúa e a creación de 800 m² de plataforma única, coa que se situarán todas as partes da rúa ao mesmo nivel. Esta medida permitirá reducir a velocidade do tráfico e priorizar o tránsito peonil, incrementando así a seguridade e a comodidade dos viandantes.

Ademais, prevese a creación de 1.100 m² de novas zonas verdes e a mellora do paseo fluvial existente, coa súa ampliación en dirección a A Maceira. O plan inclúe tamén un novo entronque desde a avenida Platas Varela cara a outros núcleos de poboación, así como a recuperación dun lavadoiro tradicional e o deseño dun novo parque.

Outros aspectos destacados do proxecto son a reordenación dos pasos de peóns para mellorar a súa visibilidade, o traslado das marquesiñas de autobús a novas ubicacións máis seguras, a instalación de novo mobiliario urbano e zonas de descanso, e a renovación da iluminación pública con puntos de luz máis eficientes e medidas de aforro enerxético.

Con esta actuación, o Concello de Arteixo busca mellorar a mobilidade e a integración urbana de Vilarrodís, apostando por un modelo máis sostible, accesible e respectuoso co espazo público.

⚙ Configurar cookies
0.070817947387695