Arteixo recibe o selo de Cidade da Ciencia polas súas políticas locais innovadoras

O Concello de Arteixo vén de ser recoñecido polo Ministerio de Ciencia e Innovación como Cidade da Ciencia e a Innovación, unha distinción que premia a 22 localidades de todo o Estado pola súa aposta decidida por políticas locais innovadoras nos seus territorios.
A concelleira de Innovación, Patricia Amado, recolleu o galardón nun acto celebrado en Reus. A través desta distinción, Arteixo pasa a formar parte da Rede Innpulso, un foro estatal de encontro no que se definen políticas locais baseadas na innovación e se comparten proxectos e experiencias entre municipios.
O Ministerio destacou, no caso de Arteixo, o impulso dado polo Concello á promoción e uso estendido das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) en diferentes servizos municipais, con especial incidencia nas áreas de instalacións deportivas, hábitos saudables e educación. Tamén se tivo en conta o esforzo realizado para mellorar a mobilidade da poboación.
Con este recoñecemento, Arteixo intégrase nun espazo de colaboración co resto de cidades da Rede Innpulso, reforzando así a súa liña de traballo baseada na innovación como ferramenta para mellorar a calidade de vida da veciñanza.