Arteixo reafirma a súa política de “tolerancia cero” contra o machismo e ofrece recursos ás vítimas

O Concello de Arteixo volve lanzar unha mensaxe clara e firme: “En Arteixo temos tolerancia cero cos machismos”. A través dunha campaña informativa, o Goberno local lembra os recursos dispoñibles para mulleres que sufran violencia de xénero ou se atopen en situacións de vulnerabilidade vinculadas co machismo, así como para quen coñeza casos e queira denuncialos ou buscar axuda.
O Centro de Información á Muller (CIM) municipal é un dos principais puntos de apoio. As persoas interesadas poden contactar nos teléfonos 981 601 415 ou 683 443 512. Ademais, tamén están dispoñibles os servizos estatais de atención ás vítimas de violencia de xénero, como o 016, o correo electrónico 016-online@igualdad.gob.es ou o WhatsApp 600 000 016.
O Concello lembra que se ofrece orientación e acompañamento en situacións como despedimentos, procesos de divorcio e custodia, solicitudes de axudas ao emprendemento, permisos de conciliación, obrigas paternofiliais, discriminación por razón de sexo ou acceso a cursos de igualdade.
Entre os recursos postos en marcha destaca a aplicación móbil “Conecta Con-sentimento”, deseñada especialmente para a mocidade de Arteixo. Esta app, dispoñible para Android e iOS, achega información e ferramentas para a prevención da violencia machista, fomentando relacións baseadas no respecto e a igualdade.
Desde o Goberno local insisten: “Contra o machismo, tolerancia 0”, e animan á cidadanía a facer uso destes servizos, tanto en casos propios como para apoiar a quen o precise.