Arteixo propón unha fin de semana de maxia, rock e teatro afeccionado no auditorio municipal

O Auditorio do Concello de Arteixo acollerá esta fin de semana dúas propostas culturais dirixidas a públicos diversos, combinando espectáculo familiar e teatro amador dentro da programación do I Certame de Teatro Amador – Premios amArte 2025.
O venres 13 de xuño ás 20.30 horas, será a quenda de 'Rock 'n' Magic', un espectáculo singular que mestura maxia, humor e música rock en directo. O Mago Teto lidera a función cun formato pensado para todos os públicos, acompañado por Mr. Cool á guitarra e voces, e Fer Risco na batería. A proposta, cunha duración aproximada de 60 minutos, conta cunha idea orixinal de Héctor Guerra e dirección artística de Fran Rei.
O sábado 14 de xuño ás 20.00 horas, continuará o certame de teatro amador cunha nova obra finalista: 'O Parvo', a cargo do grupo Badius. Trátase dunha comedia para público adulto (+12 anos) chea de equívocos e situacións cómicas imposibles de controlar, baseada nun texto do dramaturgo francés Francis Veber e dirixida por Alberto Villar. A función, cunha duración de 90 minutos, contará cun elenco formado por Marco A. Álvarez, Gloria E. Regaldie, Juan M. Caamaño, Pablo Soto 'Pibe', Ramón Lema 'Monchi', Lourdes Vidal, Juan A. Villar 'Tono', Fernanda Regaldie e o propio director.
O acceso será mediante invitación, dispoñible en liña ou unha hora antes do inicio da obra. O Concello de Arteixo reforza así a súa aposta pola programación cultural diversa e accesible, fomentando a participación cidadá e o apoio ao teatro afeccionado.