Arteixo propón incrementar o tributo dos Bens Inmobles de Características Especiais
O Concello de Arteixo levará ao pleno do próximo xoves (adiantado unha semana debido aos festivos da seguinte semana de xullo) unha modificación da ordenanza fiscal que regula o tributo dos Bens Inmobles de Características Especiais (BICE). Segundo a Lei 1/2004, que aproba o texto refundido da Lei de Catastro Inmobiliario, estes bens inclúen:
- Os destinados á produción de enerxía eléctrica e gas, ao refino de petróleo e as centrais nucleares.
- As presas, saltos de auga e embalses, incluído o seu leito ou vaso, agás as destinadas exclusivamente ao rego.
- As autopistas, estradas e túneles de peaxe.
- Os aeroportos e portos comerciais.
O tipo impositivo destes BICES, segundo o artigo 72 do Real Decreto Lexislativo 2/2004, permite aos concellos establecer un tipo diferenciado para cada ben, cun máximo do 1,3% e un mínimo do 0,4%. Na actualidade, só están definidos na vixente ordenanza fiscal os grupos a), b) e c), cun tipo impositivo do 1,3%, agás o grupo b), que queda fixado no 0,6%.
En canto ao grupo d), o Porto Comercial Exterior de Arteixo entrou en funcionamento no ano 2015, coincidindo coa aprobación da Ponencia de Valores Especial. Ao non estar definido nin cuantificado este grupo na ordenanza fiscal, o tipo impositivo do imposto foi fixado no 0,6%, segundo o citado artigo 72 do Real Decreto Lexislativo 2/2004. Para facer efectivo o principio constitucional de contribuír ao sostemento dos gastos públicos de acordo coa capacidade económica, mediante un sistema tributario xusto inspirado nos principios de igualdade e progresividade, propónse a presente modificación, considerando os principios de igualdade e progresividade tributaria.
O artigo 17 do Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, permite o uso de facultades regulamentarias e de responsabilidade fiscal. Considerando que, en función da súa natureza ou ubicación, non deben existir diferenzas de tributación entre os BICES, propónse o incremento do tipo impositivo dos grupos b) (presas, saltos de auga e embalses) e d) (aeroportos e portos comerciais) ao 1,3%, en substitución do actual 0,6%, para equilibrar o tipo impositivo en todos os BICES.
Actualmente, o Concello de Arteixo recauda nos dezaoito Bens de Características Especiais rexistrados un total de 2.492.881 euros, e agora pasará a recaudar un total de 3.041.343 euros. Este aumento aplicarase no ano 2025.