Arteixo programa a segunda edición do curso de principios básicos da poda no parque de Monticaño

ACoruñaXa
O Espazo Municipal Ecolóxico ofrece o venres 28 de novembro unha sesión práctica de 4 horas dirixida a persoas afeccionadas á xardinería, con prezos desde 15 euros e matrícula a través de correo electrónico ou teléfono
ARTEIXO curso poda
23 Nov 2025

O Concello de Arteixo, a través do Espazo Municipal Ecolóxico e do programa Sumarte, volverá ofrecer unha formación específica en poda co lanzamento da segunda edición do curso ‘Principios básicos da poda’. A actividade terá lugar o venres 28 de novembro, en horario de 16.00 a 20.00 horas, no parque de Monticaño, na parroquia de Pastoriza.

O obradoiro, de nivel iniciación, está dirixido a persoas afeccionadas á xardinería que queiran aprender a podar de maneira correcta e segura. Estará impartido por Andrés Graña e combinará explicacións teóricas con prácticas sobre o terreo.

Ao longo das catro horas de duración abordarase que é a poda e cales son os seus criterios básicos, os tipos de corte na poda ornamental, as podas de formación e mantemento, así como o uso axeitado das ferramentas, o seu mantemento, afiado e desinfección. Tamén se incidirá nas medidas de seguridade necesarias e realizaranse prácticas guiadas de poda.

O custo da actividade é de 15 euros, con material incluído, para persoas empadroadas en Arteixo, clientela de Sumarte, usuarias de biciArteixo e colectivos asimilados. A inscrición xeral ten un prezo de 25 euros.

As persoas interesadas poden obter máis información e reservar praza a través do correo electrónico cursoseme@sumarte.gal ou nos teléfonos 698 193 000 e 604 012 930. Dado o carácter práctico da formación, o número de prazas é limitado.

⚙ Configurar cookies
0.070908069610596