Arteixo presenta un orzamento de 66,2 millóns para o 2026 cun forte impulso ás infraestruturas

ACoruñaXa
As inversións superarán os 18 millóns, centradas en humanizacións, sendas peonís, novas zonas verdes e actuacións urbanísticas nas parroquias
Imaxe da casa do Concello en Arteixo
19 Nov 2025

O Concello de Arteixo levará ao pleno de finais de novembro a súa proposta de orzamento para o ano 2026, que ascenderá a 66,2 millóns de euros. A cifra é lixeiramente inferior á do exercicio anterior, cando se aprobáran 70,1 millóns de euros. A diferenza explícase pola desaparición de partidas extraordinarias recollidas no 2025, como os 3.864.000 euros derivados do axuste contable da extinta empresa mixta Augarsa e o millón adicional correspondente á facturación da empresa pública Sumarte.

As contas municipais para o 2026 contemplan máis de 18 millóns de euros en inversións. A actuación máis relevante será a mellora da travesía de Arteixo, que contará con 2,2 millóns dos 3,6 millóns necesarios para completar o proxecto. O goberno local inclúe tamén partidas significativas para a humanización da travesía de Oseiro (420.000 euros dun total próximo aos 700.000), a urbanización da zona das repúblicas no núcleo urbano (420.000 euros dos 630.000 previstos) e a reforma das rúas Domingo de Andrade e Pedro de Monteagudo (425.000 euros dos 550.000 globais).

O Concello consignará ademais fondos para actuacións xa iniciadas no 2025 e que se completarán no 2026, como a urbanización da praza de Figueroa (309.000 euros, dentro dun investimento total de 500.000), o parque de Herbales en Chamín (330.000 euros, dos 630.000 totais) ou a Casa de Baños do complexo do Balneario, que contará cun millón de euros dentro dun investimento global de 3,6 millóns, dous deles procedentes de fondos europeos.

A partida destinada a desenvolvementos urbanísticos inclúe 2,2 millóns de euros para a apertura de novas rúas en diferentes unidades de actuación. En 2026 executarase a segunda fase dun parque de 3.600 metros cadrados na Unidade de Actuación 3, así como a apertura dunha vía que conectará a rúa Baldomero González coa travesía de Arteixo. O Concello adianta estas obras e posteriormente repercute o custo ás persoas propietarias dos terreos.

No ámbito deportivo, Arteixo reserva 350.000 euros para a rehabilitación integral do polideportivo de Galán.

As sendas peonís terán un peso destacado no próximo exercicio, cun investimento global de 3,5 millóns de euros. Inclúense as sendas da avenida da Praia (587.000 euros) e da avenida do Embalse (670.000 euros), así como varios proxectos en vías provinciais executados polo Concello mediante acordos coa Deputación. Entre eles figuran a senda da DP-506 ao seu paso por Barrañán (1.030.000 euros) e as sendas de As Barreiras (450.000 euros) e de Ervedíns (411.000 euros), ambas na DP-511, que permitirán conectar Loureda co núcleo urbano.

O capítulo de investimentos complétase con partidas para o mantemento e mellora de infraestruturas municipais: 680.000 euros para renovación de asfaltados, 500.000 euros para centros educativos e 215.000 euros para a reparación de camiños rurais. Con estas cifras, Arteixo mantense entre os municipios galegos que máis destinan a inversión pública.

⚙ Configurar cookies
0.078032970428467