Arteixo presenta o programa 'Verán de Estrelas 2025' con ampla oferta cultural para o verán

O Concello de Arteixo vén de presentar 'Verán de Estrelas 2025', un programa cultural amplo e variado que se desenvolverá entre xuño e setembro, coa intención de ofrecer unha completa oferta para todos os públicos durante o verán.
A iniciativa inclúe unha combinación de teatro, danza, música, espectáculos familiares, cinema ao aire libre e exposicións, coa participación de artistas e compañías de recoñecido prestixio. O arranque da programación será o 27 de xuño coa representación de Costa da Morte, Cartografía dun naufraxio, obra da creadora Mariña Lestón. Entre os espectáculos previstos destacan tamén The Exposure de Tanit Cobas, Enredada de Leti da Taberna ou Eran elas! de Avelino González.
Un dos momentos máis relevantes será a Gala de entrega dos premios amArte 2025, que incluirá a posta en escena da obra Yo soy Ophelia, a cargo do Teatro Pasapadentro do colectivo Melandrainas. No ámbito musical, o programa contará con actuacións como Seremos inmortais da Orquestra Cinema, o 7º Festival de Habaneras de Arteixo e o espectáculo Cartas Quemadas de Luga.
A programación infantil e familiar terá unha presenza destacada, con espectáculos como Inverno na lavandería de Kpaparota Teatro, A filla do cacharulo de Títeres Babaluva, Maker Maxia de Magos Maker, Cantaxoga de Migallas Teatro e Viaxando con anduriñas: Ritmos na selva de Laura Martínez Rey.
O cine ao aire libre tamén terá o seu espazo, coa proxección das longametraxes Campeonex de Javier Fesser e +Cuñados de Luis Avilés Baquero, esta última nun formato especial de autocine.
En canto ás exposicións, o público poderá visitar El despilfarro alimentario de Manos Unidas, Mística Arte-Xoia de Beatriz Yébenes – Xoiatrix, e Miradas interiores de Novais. Ademais, o 27 de xuño celebrarase a presentación do libro La ruta de Eulogio de Sandra Aldao.
Con este programa, o Concello de Arteixo reafirma o seu compromiso coa cultura como eixo fundamental da convivencia, o benestar e a dinamización social, apostando por unha proposta diversa, inclusiva e de calidade, pensada para achegar as artes escénicas e visuais á cidadanía durante a tempada estival.