Arteixo presenta o Entroido 2026 cunha fin de semana festiva e dous días grandes de desfiles, concursos e Queima do Meco


Arteixo xa ten pechado o programa do Entroido 2026, que se celebrará do 14 ao 18 de febreiro con propostas para a mocidade, actividades infantís, concursos e a tradicional Queima do Meco.
O sábado 14, o Campo da Festa acollerá o Entroido Arteixoven desde as 22.00 horas, cunha noite de música a cargo do grupo Origen, a disco móbil Impacto e DJ Cotelo.
O luns 16, tamén no Campo da Festa, a xornada estará centrada nas familias. Desde as 17.00 horas haberá festa infantil con inchables, obradoiros, degustacións, camas elásticas, xogos xigantes, photocall con fotos instantáneas e sesión DJ. Ás 18.30 horas celebrarase o concurso infantil de comparsas e disfraces, dinamizado por Camelia do Bosque Máxico, e ao remate haberá un espectáculo musical infantil. O certame repartirá premios nas categorías de comparsas, grupos e disfraces individuais, ademais dun recoñecemento especial ao disfraz máis ecolóxico.
O martes 17 chegará o día grande do desfile e concurso de adultos. A concentración de participantes será na Avenida Fisterra entre as 16.45 e as 17.15 horas e a saída do desfile está fixada para as 17.30 horas. O percorrido partirá de Candame e pasará pola Avenida Fisterra, a Avenida dos Bosques, a Avenida do Balneario e a rúa Médico Amenedo Casabella, para rematar no Campo da Festa coa entrega de premios. Haberá galardóns para carrozas, comparsas e disfraces, ademais de premio á Mellor Copla e accésits por participación, e tamén un recoñecemento ao Mellor Choqueiro.
O mércores 18 pecharase a programación coa Queima do Meco ás 18.30 horas. A comitiva sairá da Praza do Balneario e rematará no Anfiteatro, nun acto dinamizado pola Banda de Música Santiago de Arteixo e Vero Rilo.
As inscricións para participar nos concursos deberán formalizarse antes do 9 de febreiro ás 14.00 horas, ben a través da sede electrónica municipal ou de xeito presencial nas oficinas do Servizo Municipal de Cultura no CCC de Arteixo Manuel Murguía, en horario de 9.00 a 14.00 horas.