Arteixo premia a creatividade no Certame de Pintura Mar de Sorrizo

ACoruñaXa
Unha iniciativa municipal para fomentar a creatividade artística e a expresión persoal a través da pintura
arteixo-premios
31 Jul 2025

O Museo Mar de Sorrizo converteuse no epicentro da arte local coa celebración do acto de entrega de premios do Certame de Pintura que leva o seu nome, unha iniciativa impulsada polo Concello de Arteixo para fomentar a creatividade artística e a expresión persoal a través da pintura.

Con 32 participantes inscritos, o concurso repartiu un total de nove premios —tres por categoría— cun valor conxunto de preto de mil euros en material artístico. As obras premiadas destacaron pola súa calidade e orixinalidade, centradas en visibilizar a riqueza do medio mariño local.

Segundo explican desde a organización, “o tema do concurso pasaba pola temática e posta en valor dos recursos mariños da zona en toda a súa extensión: praia, mar, pesca, deportes acuáticos, fauna e paisaxe mariño…”. As propostas podían inspirarse tamén no propio museo ou no litoral arteixán.

O certame dividiuse en tres categorías en función da idade: ata 10 anos (categoría A), de 11 a 16 anos (categoría B) e maiores de 16 anos (categoría C). Cada unha delas contou cunha boa representación, evidenciando o interese da veciñanza pola pintura e pola posta en valor do patrimonio mariño.

O Concello valorou moi positivamente a acollida desta edición e sinalou que iniciativas como esta contribúen a reforzar o vínculo coa contorna e a estimular a sensibilidade artística desde idades temperás.

⚙ Configurar cookies
0.18129086494446