Arteixo pon en circulación o calendario municipal 2026, unha viaxe visual ao pasado do municipio

O Concello de Arteixo ten xa listo o calendario municipal de 2026, dedicado nesta ocasión ao Arteixo do pasado e elaborado coas imaxes seleccionadas no concurso fotográfico #ArteixoNoTempo. O almanaque pode descargarse en formato PDF a través da web municipal e distribuirase tamén en papel entre a veciñanza.
A edición deste ano propón unha ollada á memoria colectiva do concello a través de fotografías antigas do municipio, unha temática que xa se adiantara na convocatoria do concurso, impulsado pola Concellería de Turismo que dirixe Patricia Amado. A iniciativa convidaba a recuperar imaxes históricas de rúas, prazas e espazos emblemáticos, co obxectivo de mostrar como cambiaron co paso do tempo.
As persoas participantes debían achegar fotografías antigas de Arteixo, que o propio Concello se encargou de dixitalizar e contrastar con imaxes actuais para construír unha narrativa visual sobre a evolución urbana e social da localidade. As mellores instantáneas foron elixidas a través dunha combinación de votación popular e a valoración dun xurado, e forman agora parte das páxinas do calendario municipal 2026.
Os primeiros exemplares en papel entregaranse na próxima Xuntanza de Maiores organizada polo Concello. Ademais, a partir do 22 de decembro a veciñanza poderá recoller o seu calendario na casa consistorial, ata esgotar existencias. O Concello ten previsto tamén repartir exemplares nos centros educativos do municipio, de maneira que todo o alumnado dispoña deste almanaque que combina utilidade práctica e posta en valor da historia local.
Deste xeito, o calendario municipal 2026 convértese nunha ferramenta máis para reforzar o sentimento de pertenza e a identidade de Arteixo, á vez que fomenta a participación veciñal e a conservación da memoria gráfica do concello.