Arteixo organiza unha ruta de sendeirismo pola provincia de Pontevedra o 2 de xuño
O Concello de Arteixo organiza para o vindeiro domingo 2 de xuño unha ruta de sendeirismo, a primeira deste ano 2024. En próximas datas anunciarase o programa completo para o resto da tempada.
Como inicio ofértase a ruta denominada Cascada da Bugalleira e Pozas de Lourenzá (Bonaval - Pontevedra). Unha ruta ofertada no ano 2023, que polas inclemencias meteorolóxicas nun puido finalizar a meirande parte das persoas inscritas. A actividade conta cunha distancia de 12 Km e un nivel medio fácil, resulta unha ruta dun gran atractivo para todos os públicos.
O prazo de inscrición e matrícula estará aberto ata o martes 28 de maio debendo entregar o xustificante de pagamento, exclusivamente no Servizo Municipal de Deportes. No caso contrario, procederase á anulación da praza.
O impreso de inscrición poderase recoller nas oficinas do Servizo Municipal de Deportes ou descargalo na páxina web municipal. Deberase entregar nas oficinas do Servizo Municipal de Deportes, en horario de atención ao público (de luns a venres de 9.00 a 14.00 horas). Do mesmo xeito poderase enviar á dirección deportes@arteixo.org.
Ademais, pódese efectuar o pago do prezo público nas entidades bancarias habituais ou a través do TPV virtual na páxina web municipal.
Prezos da actividade (inclúe transporte, picnic e seguros):
- Maiores de idade: 15 € por etapa
- Menores de idade: 10 € por etapa
Normativa:
- Con carácter xeral é imprescindible ser maior de idade ou no seu defecto, maior de 10 anos con autorización do pai, nai ou titoría legal e acompañados.
- Na programación deportiva municipal teñen preferencia as persoas que están empadroadas no Concello de Arteixo, existindo un número limitado de prazas para cada actividade, así como un número mínimo de prazas a cubrir para que a actividade se leve a cabo.
- O Servizo Municipal de Deportes resérvase o dereito de efectuar as modificacións nas ubicacións, horarios, profesorado, etc., que considere necesarias.
- No caso de que o Servizo Municipal de Deportes detecte falsidade nos datos o alumno causará baixa inmediata, sen dereito á devolución do importe abonado.
- As persoas que asinan a folla de inscrición fan constar que non padecen ningunha enfermidade que o incapacite para a práctica deportiva, tendo feito o oportuno recoñecemento médico.
- De acordo co establecido pola normativa vixente en materia de protección de datos, informámoslle de que o Responsable de Tratamento dos seus datos persoais é o CONCELLO DE ARTEIXO, con dirección PRAZA ALCALDE RAMON DOPICO, Nº 1-15142 ARTEIXO (A CORUÑA). FINALIDADE DO TRATAMENTO: Os datos serán utilizados para facerlle partícipe da actividade promocionada descrita na presente solicitude, así como a xestión administrativa derivada da mesma. O feito de que non nos facilite parte da información solicitada poderá supoñer a imposibilidade de prestarlle o servizo solicitado